BNG insta a Xunta a actuar para que os bancos devolvan xa o cobrado indebidamente nas cláusulas solo

NOA PRESAS RP ORZAMENTOS2 (1)

A deputada nacionalista Noa Presas propón  axilizar, a través do Instituto Galego de Consumo, a arbitraxe para que  afectados e afectadas polas cláusulas solo recuperen canto antes as cantidades “indebidamente cobradas” polos bancos. Presas ten claro que estamos perante  “un Estado que non fiscaliza a banca e mesmo lle rende pleitesía” ao que se engade “unha Xunta durmida” que nin exerce as súas competencias en consumo. Neste sentido, recalcou que “ao PP non lle interesa defender ás persoas senón máis ben, todo o contrario,  facilitarlle o camiño á Banca”.

 Vai para un mes da sentenza europea contra as cláusulas solo “e desde a administración segue sen haber actuacións contundentes” e o PP parece máis preocupado polo “colpaso de bancos e xulgados”. O  BNG insta a Xunta  a “crear  unha comisión”, ao abeiro do Instituto Galego de Consumo, para que os  bancos dean conta “obrigatoriamente” de que  non  cometen novos abusos e que as devolucións son correctas.

Presas instou a Xunta a que obrigue ás entidades bancarias a facer a devolución “de oficio e con carácter inmediato” así como exixir das entidades bancarias a creación de servizos específicos para informar e atender ás persoas afectadas.

Comentarios