Opinión

O BNG fixa rumo

Antes de Palexco había algunhas incógnitas e despois de Palexco hai varias certezas. O BNG saíu cos deberes feitos. Unha Asemblea ten de servir para iso, para o esclarecimento colectivo, este conclave de Palexco, realizado na mesma Coruña que hai un século viu o nacimento das Irmandades da Fala, fixou o rumo do BNG e puxo termo a algúns debates un chisco cansativos e, aliás, paralisadores [como o da unidade inverosímil e inverificábel con quen nen a quer nen a desexa]. Ben, xa sabemos a que aternos. Ben, a Refundación non se pode despachar en 4 meses, o que parece algo bastante razoábel, os procesos multitudinarios -e este éo, participan miles de persoas- requiren de certo vagar. E ben, nas próximas eleicións galegas haberá unha papeleta nacionalista, como enfatizou con enerxía Ana Pontón no discurso de clausura. O soberanismo galego de esquerdas dará a cara ante as urnas. Gañará así o pluralismo, sen o cal non hai democracia. A unidade non se pode facer sobre a base da anulación dunha das partes. A confluencia con En Marea suporía na práctica o desaparecimento do referente nacionalista. Hai poucas dúbidas sobre isto e quen as teña que lle bote un ollo a como está funcionando a sección galega do grupo confederal de Podemos en Madrid.

O soberanismo galego de esquerdas dará a cara ante as urnas. Gañará así o pluralismo, sen o cal non hai democracia

Hai rumo, portanto, e hai unha organización con miles de militantes detrás -a máis potente con moito de todas as que na Galiza cuestionan o sistema- que agora ten o enorme desafío de abrir o diálogo extramuros. Saír do claustro, da zona de confort, e partillar pontos de vista con outras e outros, dispostos a falar de todo e sen tabúes. Eis a tarefa inadiábel que o BNG chama Refundación. Eis o reto dos próximos 12 meses para unha forza política firmemente comprometida coa ideia da soberanía nacional galega e para a cal a xustiza social na Galiza non é conseguíbel sen rachar a dependencia que nos ata secularmente a España.

Palexco xa está na historia do BNG. O principal referente político do soberanismo de esquerdas na Galiza tomou unha decisión, participada por miles de persoas, e agora esa decisión vai saír ao encontro dunha sociedade que está aí fóra e que está moi lonxe de viver no mellor dos mundos posíbeis.

Agora vén o dificil, mais ninguén dixo que conseguir a emancipación dun país fose ser doado.

Comentarios