Consello Nacional o 8X

O BNG estudará "caso por caso" a política de alianzas nos concellos e deputacións

"O BNG non parte de ningún apriorismo" e o "escenario está moi aberto en moitos concellos e deputacións". Nestes termos expresouse esta sexta feira Rubén Cela, integrante da Executiva Nacional en conferencia de imprensa. Como era de agardar, o BNG desbota acordos coa "dereita española", mais ao tempo descarta un "acordo nacional" que vincule todos os concellos. As alianzas —que basicamente serán co PSdeG— vanse estudar "caso por caso".

FOTO RUBÉN CELA 2
photo_camera Rubén Cela

"Non damos nada por feito e ningunha decisión está claramente precondicionada", afirmou Rubén Cela na súa comparencia perante os medios. O dirixente do BNG trasladou á prensa unha avaliación positiva dos resultados do 26M —"somos unha forza á alza"— e destacou que a formación nacionalista vai ter 24 alcaldías —sumando maiorías absolutas e relativas—, colleita que se incrementará unha vez que se selen pactos naqueles concellos nos que o Bloque sexa a forza máis votada entre aquelas que se sitúan como alternativas á dereita.

A Executiva Nacional do BNG avaliou os resultados do 26M a pasada cuarta feira nunha reunión en que tracexou xa as liñas mestras que guiarán os seus pasos até o 15 de xuño, data en que se constitúen as novas corporacións municipais. Os movimentos a dar no taboleiro serán avaliados polas asembleas locais e ao debate vaille pór o ramo o Consello Nacional na súa convocatoria prevista para o sábado 8 de xuño.

En todo caso, Rubén Cela xa avanzou un criterio básico: a política de alianzas será diversa, non única para todo o país. Haberá unha "avaliación caso por caso" e, por tanto, non haberá "unha decisión nacional que vincule o conxunto dos concellos do país". "A opinión da militancia en cada unha das localidades será fundamental", acotou o dirixente nacionalista.

Cela precisou que calquera alianza terá de ser froito dun "acordo programático" e da asunción "das políticas transformadoras do BNG". O Bloque "non entrará en ningún goberno a gobernar por gobernar", isto é, a formación nacionalista só asumirá responsabilidades executivas se se deren as "condicións" que permitan materializar "as políticas ás que nos comprometemos coas veciñas e veciños".

Comentarios