O BNG estreita lazos co movemento para a liberación de Palestina

Representantes da organización frontista reuníronse con Yamir Kasem, membro do comité central da Fronte Democrática de Liberación de Palestina (FDLP). 

Palestina

O Bloque partillou esta quinta feira (20 de novembro) un encontro co representante da FDPLP, Yamir Kasem quen tamén coordena no Estado español a Coligazón europea de apoio aos presos palestinos. 

A organización frontista situou esta xuntanza no marco das relacións que desenvolve con distintas organizacións do movemento pola liberación de palestina e no apoio que vén amosando á "súa loita e aspiracións para vivir en paz no seu territorio". 

Neste senso, para alén do encontro formal cunha delegación da executiva nacional do BNG encabezada polo responsábel de Relacións Internacionais, Néstor Rego, o secretario de organización do Bloque, Bieito Lobeira, e Rafael Vilar; Yamir Kasem participou nun acto público desenvolvido na Biblioteca Ánxel Casal por volta das oito da tarde. 

No coloquio que levou por título 'Galiza con Palestina', Kasem achegou @s asistentes a realidade cotiá do pobo palestiniano, agredido polas forzas gobernamentais e militares israelitas mais tamén os asuntos de maior actualidade como o crecemento da tensión en Xerusalén Leste, os programas de construción de novas colonias en Cisxordania ou os avanzos no goberno de unidade nacional acordado o pasado mes de outubro entre a ANP e Hamás. 

Así mesmo, o representante da FDPL deu conta da situación na que se atopan as persoas presas polo Estado de Israel e para as que se pide a súa posta en liberdade através dun movemento de apoio e solidariedade internacional ao que se adheriu, tamén, o BNG. 

Comentarios