O BNG esixe un plan de transporte por estrada “dialogado cos concellos”

Os 28 anteproxectos de contratos para 1.206 liñas de autobús son para o BNG “resultado dun deficiente traballo de campo e conteñen numerosos erros e carencias”. Así o demostran, ao ver do deputado Luís Bará, as alegación presentadas polos concellos afectados. E con estes cos que o nacionalista pide “diálogo” de cara a elaborar un plan de transporte por estrada “adaptado á Galiza do século XXI”.
Luís Bará en rolda de prensa
photo_camera O deputado do BNG Luís Bará. Foto: BNG.

Entre os “erros” detectados por Bará atópanse o estabelecemento de paradas inexistentes ou a creación de itinerarios imposíbeis -con direccións prohibidas ou rúas peonís. “Ponse de manifesto un xeito de proceder apresurado e chafalleiro das empresas contratadas pola Xunta de Galiza”, denunciou esta cuarta feira.

Ademais, entende o parlamentario nacionalista, os anteproxectos son “continuístas, limítanse na maior parte dos casos a reagrupar liñas existentes e unificar o transporte escolar e as liñas regulares para reducir custos”. Non inclúen, engade, “análise polo miúdo de cada área nin un proceso de participación e diálogo cos axentes sociais e institucionais implicados”. Sindicatos e patronais do ramo tamén criticaron “as carencias dos estudos económico-financeiros” dos novos contratos.

Mais para o BNG hai un “problema de fondo”: a concepción do plan. “É moi pouco ambicioso e non ten en conta a realidade actual do país nin a necesaria coordinación e interdependencia entre diferentes modalidades de transporte, como a bus-tren”. As mudanzas que propón Luís Bará teñen a ver con “dous ámbitos complementarios”: “Unha estratexia e lei de mobilidade sustentábel” e “un verdadeiro plan de transporte público por estrada froito dun amplo proceso de participación”.

Comentarios