O BNG esixe negociar bilateralmente o traspaso da AP-9

O BNG quere que a Xunta negocie co Estado o traspaso da AP-9. E que o faga xa, para así acelerar a transferencia da autoestrada.

ponte de rande AP9
photo_camera A Ponte de Rande da AP-9. Foto: cedida.

“O Goberno de Feixóo ten que deixar de ser mero espectador e actuar como o Executivo para conseguir o recate da autoestrada de xeito inmediato”, sinala a parlamentaria do Bloque Olalla Rodil. Para Rodil, “é de pasmo” que a Xunta “declare a súa total ignorancia sobre a operación de compravenda da AP-9 malia tratarse dunha das infraestruturas máis importantes de Galiza”.

olalla rodil

A pasada semana, varios fondos de pensións de matriz estadounidense anunciaron a adquisición da maioría da propiedade da infraestrutura. “Queremos luz e taquígrafos sobre a operación que fai mudar de mans unha autoestrada máis que amortizada”, engade a deputada. Outras vías de alta capacidade do Estado van quedar libres de peaxes de inmediato “mentres aquí se manteñen tarifas de estafa ate 2048 polas ampliacións de concesión aprobadas por PP e PSOE”.

O BNG lembra que o reiterado veto do PP á transferencia no Congreso provocou un ano e medio de retraso. “Non pode ser que todo se mova, mesmo o cambio de especuladores que se lucran a costa desta arteria vital para o país, e o Goberno de Feixóo siga parado”, engade, “e non podemos agardar outro ano e medio soportando a estafa das peaxes, colas de retención quilométricas e un servizo de terceira mentres fondos especulativos fan negocio a costa das galegas e galegos”.

O Bloque reclama “unha reunión inmediat” da comisión bilateral Ministerio de Fomento Xunta para apurar “o traspaso da xestión da AP-9”. A Xunta “debe tomar a iniciativa”, insiste Rodil.

Nota: a deputada do BNG Olalla Rodil.

Comentarios