BNG, ERC, Bildu, Junts, PDeCAT, e CUP non asisten ao acto do Congreso polo 23-F que presidirá o rei

A presidenta do Congreso,  Meritxell  Batet, será a encargada de abrir este acto, co que se pretende celebrar a "fortaleza" das institucións e da Constitución de 1978, segundo apuntou ela mesma.

O Congreso, na súa sesión do 22 de abril, debatendo o presente estado de alarma.
photo_camera Imaxe de arquivo dunha sesión do Congreso (Foto: Europa Press)

Esquerra Republicana (ERC),  Bildu,  Junts,  PDeCAT, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) e a  CUP decidiron non acudir esta terza feira ao acto que organizará o Congreso para conmemorar o 40 aniversario do golpe do 23 de febreiro de 1981 que presidirá o rei Felipe VI, segundo informa Europa  Press.

A presidenta do Congreso,  Meritxell  Batet, será a encargada de abrir este acto, co que se pretende celebrar a "fortaleza" das institucións e da Constitución de 1978, segundo apuntou ela mesma. Batet afirma que con este acto preténdese celebrar a "fortaleza" das institucións e da Constitución de 1978.

Unidas Podemos, Máis País- Equo e a maioría do Grupo Mixto asistirán ao acto de conmemoración do fracaso do golpe de estado, asñi como PSOE, PP e Vox.

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, xustificou a ausencia da formación ao acto debido a "o que significou" ese intento de golpe de Estado e o feito de que o vaia a presidir o rei Felipe VI a pesar das "dúbidas" sobre o "papel" da Monarquía fronte ao mesmo.

Preguntada tras unha rolda de prensa, remarcou que a "posición" do Bloque sobre o que "significou" o fracaso do intento golpista do 23 de febreiro de 1981 é "moi clara" e sinalou que non entende que "se faga unha conmemoración deste acto" e "moito menos presidida polo Rei".

"Desde logo, o BNG non vai participar nun acto que non nos parece de recibo e moito menos no que a protagonista sexa a Monarquía. Máis cando hai dúbidas sobre cal foi o seu papel nese golpe de Estado e cun rei emérito fuxido", resolveu a líder da formación nacionalista en alusión á residencia de Juan Carlos I en Abu Dabi (Emiratos Árabes).

O deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, sinalou nas redes sociais que “o soberanismo das nacións sen estado representa o verdadeiro republicanismo e a única alternativa que pon en cuestión o réxime monárquico. Fica claro que a mudanza real no Estado español só pode chegar da man dos procesos soberanistas da Galiza, Euskal Herria e Cataluña”.

Comentarios