A actuación de Leiva é a última confirmación dos concertos das festas do verán de Vigo que o alcalde Abel Caballero vén de anunciar en plena campaña electoral, e que se suma aos xa confirmados Fangoria, Tom Jones, Jared Leto, Lauryn Hill, Roger Hodgson, Rick Astley e David Bisbal. Ningún rastro de artistas e bandas galegas.
Xabier Pérez Igrexas, vén de enviar a Caballero unha lista de reprodución de Spotify con 60 temas de 31 grupos e artistas galegas
O candidato do Bloque Nacionalista Galego á alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, vén de enviar a Caballero unha lista de reprodución de Spotify con 60 temas de 31 grupos e artistas galegas e que cantan en lingua galega. Con esta idea, Pérez Igrexas quere chamar a atención sobre “o denominador común que se repite na actividade cultural do concello de Vigo e que radica na clamorosa ausencia da música galega e en galego”, denuncia o alcaldábel nacionalista.
Confesa que a lista de Spotify lle pareceu a forma máis efectiva de “dar a coñecer ao alcalde a existencia da música en galego”
Pérez Igrexas confesa que a lista de Spotify lle pareceu a forma máis efectiva de “dar a coñecer ao alcalde a existencia da música en galego” e apunta a que prefire “pensar que lamentabelmente Caballero obvia as bandas galegas por ignorancia da nosa cultura e creación e non por vontade de excluír a nosa lingua e as creadoras e creadores de Vigo e Galiza”.
Desde o Bloque reivindican unha oferta musical nas festas que sexa variada en estilos e pensada para diversos públicos . “O problema é cando a oferta é monocor, como neste caso, en que só hai un modelo que está falto de amor propio nunha cidade que é punteira en número de bandas e grupos que con esta programación municipal quedan ausentes”. E engade, con ironía, que estas bandas tampouco actuarán coma teloneiras xa que “o único teloneiro nos concertos das festas de Vigo é Abel Caballero”, en referencia aos discursos que o alcalde deu ao comezo de cada concerto no pasado verán e máis no entroido.
A lista de reprodución de Spotify realizada por Pérez Igrexas inclúe temas de bandas que gosta de escoitar como o rap reivindicativo de Son da Rúa e Ezetaerre ou de bandas como Skándalo GZ, Quempallou, Nao e artistas como Xabier Díaz, Guadi Galego, Sés e Sabela Ramil.
Vendo o cartel de concertos para este verán en Vigo, creamos esta 🎶 lista en Spotify, con 60 temazos de 31 grupos e artistas, para que @abelcaballero descubra que a música en GALEGO existe. De nada! https://t.co/pAVTotbCsn #MúsicaConLinguaPropia #AgoraVigo #VigoCunNovoImpulso
— Xabier Pérez Igrexas (@contradiscurso) 14 de maio de 2019
Denuncian a “desprogramación” cultural do concello de Vigo
Nese sentido, desde o BNG queren ser determinantes no pleno municipal após o 26M para “reverter o desmantelamento da desprogramación cultural do goberno municipal”, afirma Igrexas, quen denuncia que Caballero non foi quen na súa maioría absoluta de manter programas de promoción e difusión cultural que eran vangarda na cidade e que, pola contra, desmantelou 18 programas de teatro, de música tradicional e de dinamización nos barrios e parroquias.
Caballero non foi quen na súa maioría absoluta de manter programas de promoción e difusión cultural, denuncia Igrexas
O desmantelamento do Museo de Arte Contemporánea ou o peche do Centro Fotográfico de Vigo son outras das críticas que o candidato vigués sinalou da xestión de Caballero como prioridades a reverter en materia cultural, pois para o candidato nacionalista “a mellor maneira de humanizar unha cidade é popularizando o acceso á cultura e levándoa aos barrios”.