O BNG emproa o novo curso político coa determinación de “facer valer Galiza”

Un acto en Carballo o día 14 reunirá a portavoz nacional, Ana Pontón, o alcalde Evencio Ferreiro e diversos colectivos e entidades sociais e económicas; no acto de inicio do novo curso.

FOTO XAVIER CAMPOS CAMPAÑA BNG FACER VALER GALIZA

O 14 de setembro terá lugar en Carballo o acto do BNG de inicio do novo curso político, un encontro que terá como lema ‘Facer valer Galiza’ e no que participarán, ademais da portavoz nacional do Bloque e o alcalde carballés, diferentes colectivos sociais e económicos. O responsábel de comunicación do BNG, Xavier Campos presentou esta sexta feira a campaña, da que avanzou que “estará centrada” naqueles aspectos que preocupan á cidadanía galega entre os que destacou “a economía, o medio ambiente, o feminismo e dereitos sociais”.

Campos considera que estamos perante un período que será histórico para Galiza e que o nacionalismo  “encara con toda a forza e optimismo” pois, afirma, o BNG está a sintonizar co “máis dinámico e vivo do noso país”, ofrecendo  “un proxecto inclusivo, aberto, e  plural para a grande maioría que hoxe necesita un cambio”. O Bloque, indicou, fai parte activa desa “sociedade galega empoderada” e que aposta nun “goberno que defenda sen complexos” o país perante a “discriminación e maltrato” do Estado.

Nos vindeiros meses o BNG márcase como obxectivo principal, explicou o responsábel de comunicación: “defender os intereses da Galiza”. Unha defensa en “todos os grandes temas”, desde o modelo de financiamento autonómico até as infraestruturas, pasando pola defensa da industria e o tecido económico,  a defensa da sanidade, do  ensino e os servizos públicos. “Mudan as caras pero manteñen o modelo e nós temos claro que o cambio real na Galiza pasa por  facernos valer, facernos valer como sociedade, facernos valer como país, defender os nosos intereses e actuar con intelixencia colectiva e orgullo”.

Ante un posíbel novo proceso electoral, Campos afirmou que o BNG está preparado para conseguir unha voz propia no Congreso e reiterou que o BNG tende a man a todas aquelas persoas que son conscientes da “ausencia de Galiza” no escenario político do estado

Comentarios