Imprimir

O BNG e o Eixo Atlántico alíanse para potenciar o Corredor Atlántico

Redacción | 20 de novembro de 2020

Reunión entre representantes do BNG e do Eixo Atlántico. (Foto: BNG)
Reunión entre representantes do BNG e do Eixo Atlántico. (Foto: BNG)

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e o deputado no Congreso, Néstor Rego, mantiveron esta sexta feira un encontro de traballo co secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao. Nel defenderon a necesidade dun ferrocarril que conecte Galiza e Portugal, que o Goberno luso xa ten en mente.

O BNG amosou a súa intención de que Galiza sexa parte no mapa de redes transeuropeas do transporte por ferrocarril “en igualdade de condicións con outros territorios”. Así se pode deducir das múltiples iniciativas presentadas quer en Europa, quer no Estado, por pór algúns exemplos.

Vendo que o interese do Eixo Atlántico é semellante, a voceira nacionalista na Comisión Europea, Ana Miranda, e o deputado no Congreso Néstor Rego tiveron un encontro de traballo co secretario xeral da institución transfronteiriza, Xoán Vázquez Mao.

Nesta reunión, na que tamén estiveron presentes a deputada parlamentaria Alexandra Fernández e o portavoz municipal en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, coincidiron en que é preciso “potenciar” a creación do xa bautizado como Corredor Atlántico.

A realidade é que a Administración Europea xa hai anunciou hai moito tempo a súa intención de que o país estea nese corredor de Redes Transeuropeas de Transporte, pero o BNG lamenta que o Goberno do Estado non amose interese por avanzar nese eido.

“Non se debe caer no mesmo erro que o PP na lexislatura pasada, na que Galiza foi discriminada”, advertiron as representantes nacionalistas. Para evitalo exixe ao equipo de Pedro Sánchez financiación e ferramentas para impulsar o desenvolvemento económico da nación coa axuda do tren.

Portugal xa revelou o seu interese por conectar con Vigo, mais quedaría un empurrón estatal para o tramo que lle correspondería a Galiza. E, tal e como lembrou hoxe o Bloque no encontro, “no horizonte do 2030 os diferentes corredores deberían estar dotados con todos os servizos e infraestruturas, polo que é indispensable aproveitar as posibilidades que se abren coa aprobación do marco financeiro plurianual 2021-2027, que dependen das negociacións que leve a cabo o Estado coa Comisión, así como cos fondos extraordinarios”.

“Diante da inacción do Estado, agradecemos que o Eixo Atlántico tomase a iniciativa de elaborar un informe que inclúe os elementos básicos do pertinente Plan Director do Corredor Atlántico”, reflexionaron.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/economia/bng-eixo-atlantico-alianse-potenciar-corredor-atlantico/20201120184625109508.html


© 2020 Nós Diario