Política

BNG denuncia que a Xunta "non atendeu" a residencia de Celanova e nega a "confusión" que alegou Feixoo

O BNG de Celanova critica que a Xunta non atendeu a tempo, cando tiña competencias e unha orde executiva do Goberno estatal para facelo, a crise asistencial que se produciu na residencia San Carlos. 
Instalacións da residencia en Celanova (San Carlos).
photo_camera Instalacións da residencia en Celanova (San Carlos).

O BNG de Celanova denuncia que a Xunta da Galiza non atendeu a tempo, cando tiña competencias e unha orde executiva do Goberno do Estado para facelo, a crise asistencial que se produciu na residencia San Carlos deste municipio entre os días 18 e 23 deste mes con 13 casos de coronavirus entre as persoas residentes, ademais do falecemento rexistrado, e 11 positivos entre as traballadoras do centro. 

Desde o BNG de Celanova sinalan "que tanto a Consellaría de Sanidade como a Consellaría de Política Social si se puxeron en contacto con residencias privadas doutras áreas sanitarias do país, pero que, cando menos no caso da San Carlos, non atenderon aos chamados de axuda e á evidente necesidade de reforzo de persoal e medidas de protección para as traballadoras e para as e os residentes durante eses días".

Desta maneira, o BNG relata que o desde a pasada cuarta feira (día 18), cando se produciu o primeiro ingreso hospitalario no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense dunha paciente con coronavirus procedente da residencia de Celanova, a área sanitaria de Ourense tiña constancia da alerta que se xerara no centro de maiores.

Nos dous días seguintes, segundo recollen as nacionalistas, producíronse outros dous ingresos despois da intervención do médico do PAC e do 061. E foi na pasada sexta feira (día 20) cando comezaron a facerlle as probas da Covid-19 a traballadoras e residentes.

Críticas á xestión da área sanitaria de Ourense

"Porén, a área sanitaria de Ourense, malia que tiña a responsabilidade directa, delegada pola Consellaría de Sanidade, de intervir en residencias privadas con situacións de contaxio comunitario e seguindo as instrucións da orde do Ministerio de Sanidad do día 19 de marzo, non atendeu a alerta e seguiu tramitando a situación como casos individuais cun protocolo estabelecido a semana anterior", denuncian desde o BNG.

Esta situación mantívose durante os días seguintes (sábado, domingo e segunda feira), segundo manifestan as nacionalistas de Celanova, até que na tarde da pasada terza feira o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anunciou que as residencias privadas serán “tuteladas” polo Goberno galego

No BNG inciden en que noutras áreas sanitarias do país os responsábeis "si atenderon inmediatamente as instrucións do Ministerio e, desde a mesma sexta feira pola mañá, empezaron a colaborar coas residencias privadas enviando protocolos e informándose das necesidades de materiais". Todo o contrario do que sucedeu na área sanitaria de Ourense, dirixida por Félix Rubial, que foi trasladado por Feixoo desde Vigo en xullo de 2019. 

Ademais, o BNG critica que o presidente galego manifestase "que no caso de Celanova non se interviu antes pola 'confusión' que xeraron as ordes de Madrid". "Feixoo referiuse en concreto a una instrución da Vicepresidencia de Dereitos Sociais que poñía á UME a disposición das residencias que o solicitasen. A xestión da Xunta consistiu en deixar en mans da UME toda a intervención, que se resumiu nas tarefas de desinfección que os militares levaron a cabo na segunda feira. E, despois, botarlle a culpa á 'confusión' da decisión de non tomar ningunha medida" salientan.

Unha solución "de inmediato"

O BNG asegura que segue "con preocupación" a crise e que procura "darlle voz ás familias dos residentes e ás traballadoras", así como mostrando o seu apoio "as accións das institucións". Con todo, destacan quen non poden "deixar de denunciar a non intervención da Xunta, que non ten xustificación algunha". 

Así, urxen os responsábeis de Sanidade e de Política Social do Goberno galego a solucionar "de inmediato, con eficacia e respecto pola veciñanza" unha crise que aínda segue aberta e que "non rematará", din, "co traslado de pacientes positivos a un centro en Baños de Molgas", onde se ubica a "residencia integrada" anunciada pola Xunta.

Comentarios