O BNG denuncia que o sector industrial perdeu 22.500 empregos en dez anos

A década de gobernos de Feixoo no referido á política industrial é, para o BNG, unha década perdida. Resumiuna esta segunda feira a súa portavoz nacional, Ana Pontón: 22.500 empregos menos, incremento da precariedade e unha caída na produción que, en 2018, foi a maior de todo o Estado.

Ana Pontón xuño 2019
photo_camera Ana Pontón, portavoz nacional do BNG. Foto: BNG.

“Preocupación maiúscula” foi a maneira en que Pontón sintetizou a posición do Bloque. “Galiza precisa un presidente a tempo completo e non un inquilino de Montepío que está centrado en solucionar os batacazos electorais do PP”, afirmou, “Feixoo ten a responsabilidade de dar a cara e non chega con facer oposición do Goberno central simplemente porque é doutro partido”.

A dirixente do BNG tamén criticou o Executivo de Pedro Sánchez, pero lembrou que foi o PP quen “aprobou o actual modelo enerxético que pon na picota miles de empregos nun país que produce electricidade a esgalla”. E enumerou casos concretos de compañías cuxos traballadores e traballadoras loitan polo emprego: Isowat, Alcoa, Poligal.

A organización nacionalista levará ao Parlamento de Galiza, no pleno da vindeira semana, a situación de Alcoa e mais a de Ferroatlántica, no primeiro caso a través dunha proposición non de lei para “un marco enerxético estábel” e “o mantemento da produción e o emprego” na factoría. No segundo, para que o propio Feixoo “se pronuncie” ao respecto de se a Xunta autorizará a venda da fábrica de Cee e da explotación das concesións no río Grande e no Xallas.

“Feixoo é responsábel directo da situación que vive o sector industrial e non pode porse de perfil”, concluíu Ana Pontón, que criticou “a falta de iniciativa” e denunciou “a desidia e incompetencia política para defender os intereses de Galiza  mesmo en algo tan básico como que o país se beneficie dos seus recursos enerxéticos”.

Comentarios