O BNG denuncia na xornada electoral deste 12 de xullo o traslado de persoas maiores cuxas capacidades físicas se atopan "minguadas" a un colexio electoral da parroquia de Rairo, en Ourense, a pesar de permaneceren prohibidas as visitas por mor do corobavirus na residencia en que viven, San Xosé, en Rairo.
A través dun comunicado, o Bloque criticou estas "irregularidades" e reprobou o traslado destas mulleres por parte da dirección da súa residencia.
A este respecto, a formación nacionalista precisou que entre as acompañantes das residentes no colexio electoral se atopaban monxas e persoal do centro, así como outras persoas que non eran familiares das mesmas.
Así, detallou que estas electoras foron levadas en vehículos ao seu colexio electoral por profesionais da residencia e avanzou que trasladará esta información e outras prácticas "irregulares" rexistradas na mesa electoral de Rairo á Xunta Electoral.
Tamén esta mañá chegaron a Nós Diario imaxes dun centro de persoas maiores en Pontedeume. As fotografías foron remitidas por veciñanza deste concello que denuncia unha carretaxe por parte de monxas que foron recoller en coche ás maiores en plena xornada electoral.