BNG demanda que se faga un inventario de todos os bens espoliados polo franquismo na Galiza

Consideran que o Pazo de Meirás é só “a punta do iceberg dun macro espolio”.

Foto principal. Toma simbólica das Torres de Meirás por membros do BNG

O BNG quer que o Parlamento inste a Xunta a facer un estudo no que se inventarie e documenten todos os “bens roubados polo franquismo na Galiza”, ao considerar que sobran evidencias “do espolio sistemático perpetrado polo ditador no que constitúe un auténtico latrocinio de bens mobles e inmobles públicos e privados”. Luis Bará, portavoz parlamentar en memoria histórica, traslada esta mesma proposta nunha carta ao vicepresidente da Xunta,  Alfonso Rueda.  

“Está amplamente documentado que se apropiaron de maneira irregular e ilícita dunha gran cantidade de bens de propiedade pública ou privada que acabaron formando parte do patrimonio do ditador e dos seus herdeiros e, por tanto, constitúe un caso claro de enriquecemento ilícito e de malversación de fondos públicos”, argumentan as nacionalistas.

Nesta liña, consideran que o Pazo de Meirás “é só a punta do iceberg dun gran macro-espolio do que forman parte tamén a Casa Cornide na Coruña; as estatuas de Isaac e Abraham do Pórtico da Gloria; as pías bautismais do mosteiro de San Xiao de Moraime  en Muxía, o Pazo de Bendaña en Dodro, así como obras de arte, cruceiros, escudos, fontes e outros elementos que foron roubados de numerosos pazos galegos”, enumerou o deputado.

O estudo que demanda o BNG tamén debería incluír para as nacionalistas “toda a rede ou trama de homes de palla de dirixentes políticos e empresariais que colaboraron no espolio e recibiron importantes beneficios e prebendas do ditador. Tamén incluiría “a relación de persoas ou entidades lexitimadas para proceder á recuperación dos bens roubados, dándolle todo o apoio, amparo e asesoramento para que podan realizar eses trámites e esa reclamación pola vía oportuna”.

Comentarios