O BNG critica o pacto PP-En Marea-PSOE para excluílo do debate da AP9

Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque, empraza o PP, En Marea e o PSOE a rectificar a decisión de excluír a forza nacionalista do debate que terá lugar no Congreso en defensa da Lei de transferencia e resgate da AP9 malia ser o BNG impulsor e redactor do texto lexislativo.

Ana Pontón nunha rolda de prensa [Imaxe: Arquivo]

“Pídolles que recapaciten porque é fraudulento en termos democráticos excluír quen impulsou, escribiu e defendeu a lei con unllas e dentes”. Con estes termos exprésase Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, en relación ao acordo entre PP, En Marea e PSOE que deixa fóra a formación nacionalista do debate que terá lugar proximamente no Congreso en defensa da Lei de transferencia e resgate da AP9. O Bloque lembra nun comunicado de imprensa que foi o seu grupo parlamentar quen impulsou e redactou o texto lexislativo.

A Xunta de Portavoces rexeitou o escrito de impugnación presentado polo BNG co fin de poder participar no debate que acollerá o Congreso a respeito da AP9. PP, En Marea e PSOE acordaron cambiar a delegación que irá a Madrid defender a lei aprobada o 15 de marzo de 2016, data na que o Parlamento tamén designou as persoas encargadas de expoñer a posición de Galiza en representación do PP, PSOE e BNG.

“Para o Bloque é un tema de país e pídolles que rectifiquen no pleno do martes retirando o punto da orde do día ou ben que se chegue a un criterio lóxico e presentábel en termos democráticos, que pasa por garantir que o grupo que promove unha iniciativa lexislativa integre a delegación encargada da súa defensa no Congreso”, afirma Pontón, “o resto enturba as relacións no Parlamento pero tamén o funcionamento democrático nas institucións”.

As tres forzas, salienta Pontón, “saben que o autor que impulsou, escribiu e defendeu con unllas e dentes esa lei foi o Bloque, e pensamos que é fraudulento en termos democráticos excluír o grupo que precisamente promoveu a iniciativa”. Á portavoz nacional do BNG non lle serve a xustificación da aritmética, pois “nese caso o podería designar dous dos tres representantes”.

Contexto

“As forzas estatais levan anos vetando a transferencia da AP9 e agora queren evitar que esa infraestrutura non só sexa xestionada desde Galiza senón tamén conseguir que recupere a titularidade pública e deixe de ser pasto da especulación por parte de fondos voitres que fan caixa coa AP9”, alega Pontón.

O Parlamento galego ten aprobadas tres leis nas que esixe a transferencia da AP9. A primeira, de 2016, é a que en breve será debatida no Congreso despois de que o Goberno de Sánchez mudase o criterio respecto á tramitación da lei antes vetada polo Goberno de Raxoi. Para sortear os vetos do PP e para evitar que quedase esquecida a normativa no caixón, aprobáronse outros dous textos, en 2017 e en 2018.

Comentarios