O BNG critica a "incautación" de superávit a concellos e propón que sexa a Fegamp a que negocie co Goberno español

Propón que os concellos poidan facer uso dos seus 890 millóns de superávit.
Ana Pontón Secundino García BNG (Europa Press)
photo_camera Ana Pontón e Secundino García (Europa Press)

O BNG reprobou esta segunda feira a proposta que o Ministerio de Facenda realizou á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en relacion ao uso do superávit e dos remanentes dos concellos, que ve unha "incautación" de fondos. Por iso, avanzou que propoñerá no seo da Federación  Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) que a entidade  municipalista galega se opoña e sexa "interlocutora" directa para negociar co Goberno estatal.

En concreto, o Ministerio de María Jesús Montero fixo chegar á FEMP un borrador que determina que as entidades locais con superávit téñenllo que prestar ao Estado, que logo llo devolve como ingresos non financeiros. O Goberno español pretende que os concellos presten os seus aforros ás arcas públicas e logo devolveríaselles mediante dous ingresos en 2020 e 2021 de 5.000 millóns. O resto, quédao Facenda e reintegrarallo nun prazo de dez anos.

Para posicionarse sobre esta proposta compareceron a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o vicepresidente segundo da Fegamp e alcalde de San Sadurniño, Secundino García, quen avanzou as reivindicacións que fará o Bloque no seo da entidade  municipalista galega co fin de que se retire a proposta de Facenda. García tamén urxiu a reforma do financiamento local para dar unha cobertura adecuada ao custo dos servizos.

Pontón incidiu en que, nun contexto de  reconstruccion económica e social posterior ao pico da pandemia, é "moi preocupante" o "simulacro de acordo" entre o Goberno e a FEMP. "Rexeitámolo de pleno", advertiu, antes de engadir que, se segue adiante, supoñería que os concellos galegos "non poderán usar 900 millóns para a reconstrución".

Concellos, engadiu, que xa están "mal financiados e estrangulados economicamente" cun sistema que "non ten en conta" factores diferenciais da Galiza que encarecen a prestación de servizos como a dispersión ou o envellecemento.

"Non é de recibo que se queira privar o noso país de usar 900 millóns de euros, deben ser os cocncellos os que determinen como usar e reverter os seus recursos sen ningún tipo de tutela", subliñou Pontón, antes de instar a que a Fegamp --como propo¡rá o BNG-- "poña sobre a mesa unha proposta propia" e reclame unha "interlocución" directa co Executivo estatal que permita que os remanentes se usen en Galiza.

Na súa intervención, Pontón lembrou que, durante a crise económica, as administracións locais galegas contribuíron a paliar a débeda do Estado e a "salvar" ás entidades financeiras. E, con todo, agora vense abocadas a un "trato desigual", xa que o Goberno estatal só se reserva para si a "flexibilidade" á hora de ampliar a débeda para facer fronte á reconstrución.

Iso, sumado á proposta de Facenda sobre o superávit, levou a Pontón a apelar a que non se repitan "erros do pasado". "Non ten ningún tipo de lóxica que os remanentes dos concellos convértanse nunha especie de liquidez para o Estado, que ten outros mecanismos para poder financiarse", esgrimiu.

Comentarios