O BNG comprométese a ser “aliado” do tecido empresarial no Congreso

A portavoz nacional, Ana Pontón, a candidata por Pontevedra, Carme da Silva, e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mantiveron en Pontevedra un encontro cunha ampla representación de empresas galegas de diferentes sectores produtivos.
ana Pontón e Lores con empresarios en PON 28.10.19 Eleccións estatais 10N
photo_camera Intervención de Ana Pontón esta segunda feira en Pontevedra. [Imaxe: BNG]

"Cando nós deixan producir, somos capaces de sacar adiante grandes proxectos que xeran emprego e riqueza”, dixo Ana Pontón diante das empresarias e empresarios pontevedreses. Mais, reflexionou, ese potencial está “lastrado pola irrelevancia política á que nos conducen as forzas estatais que nos demostran a diario que pasan olimpicamente deste país”.

A portavoz nacional do BNG volveu reclamar a urxencia de recuperar voz propia en Madrid da man dunha forza que faga valer os intereses do tecido empresarial galego. “Ese enorme potencial necesita que o 10-N teñamos voz propia ante o Estado, e hai cada vez máis persoas que saben que Galiza perde cando o BNG non está no Congreso, que a este país lle vai mal cando non ten forzas propias para defender os nosos intereses”. Neste sentido, Pontón amosouse convencida de que unha maioría social vai converter en oportunidade “o problema creado polas forzas estatais”, unha oportunidade para Galiza, “a de facerse valer, de recuperar peso político e de poñer en marcha una axenda galega para defender un futuro mellor”. 

Carme Da Silva ás empresarias: "Teñen no BNG un aliado imprescindible”

Pola súa banda, a candidata nacionalista por Pontevedra, Carme Da Silva, explicou durante o encontro que "no BNG temos un compromiso co tecido empresarial do país, o compromiso de traballar e di tirar xuntas man a man con ese tecido empresarial galego que ademais é o que cotiza aquí e xera ingresos, riqueza e emprego". "Teñen no BNG un aliado imprescindible”, subliñou a nacionalista. "Estas empresas que son innovadoras, que xeran emprego e riqueza van ter en nós unha forza política aliada para empuxar naquelas cuestións que lles afectan: modernización das infraestruturas, acadar custes enerxéticos adecuados ou obter investimento en innovación", afirmou Da Silva.

Comentarios