Opinión

BNG-CIG, as razóns dunha convivencia difícil

Hai anos que se escoita entre o sector, chamémoslle pragmático, do nacionalismo, unha fonda queixa polo que considera excesiva influencia da CIG no seo do BNG. En público ou en privado, foron varios os líderes deste grupo que atribuíron, en boa medida, as súas derrotas nas asembleas ao peso do sindicato. Incluso o responsabilizan do que consideran liña excesivamente radical ou pouco realista, seguida ultimamente polo nacionalismo. 

En primeiro lugar, e dun modo un pouco idealizado, este sector cre que o “desembarco” dos sindicalistas abonda para garantirlle calquera maioría ao bando contrario. En segundo lugar, ao considerárense eles mesmos de esquerdas, non se atreven a criticar directamente o obreirismo e, menos aínda, a acusalo de ser superior en número.

Estamos ante un problema de comprensión do que é, en realidade, o sindicalismo e, en concreto, o sindicalismo nacionalista. 

En primeiro lugar, todo sindicalista é por definición pragmático. Certo que moitos membros da CIG teñen a experiencia de participar en folgas xerais e que convocan a cotío manifestacións. Pero, o que fai a diario un sindicalista, da CIG ou de calquera outra central, é negociar, tratar de conseguir as mellores condicións laborais para os seus afiliados. 

O activista político só está obrigado a ser verdadeiramente pragmático cando goberna. O sindicalista debe selo, en cambio, todos os días. O afiliado está aí, cos seus problemas urxentes, coa súa familia.

O activista político só está obrigado a ser verdadeiramente pragmático cando goberna. O sindicalista debe selo, en cambio, todos os días

Pode que o sindicalista, en cuestión, teña detrás del, no seu despacho, unha foto do Che, pode que, en certa medida, o inspire. Pero sabe que non ten moito tempo para recrearse en imaxes. Sabe que debe compaxinar os seus ideais coa solicitude de subvencións públicas. Igual que sabe, aínda que isto non o publicite demasiado, que o seu sindicato lle fai propostas de contratación de traballadores afíns a aquelas empresas coas que mantén diálogo diario. O pragmatismo é, en realidade, o seu medio natural.

O sindicalista é tamén un traballador ou traballadora que destacou polas súas inquietudes, que non se conforma con gañar un salario e ir os sábados a gastalo a Alcampo. Aprende a entender certos datos económicos simplemente porque no seu propio entorno ve cousas que os periódicos e a televisión non mostran.

Pero, claro está, a realidade do sindicato non é nin moito menos perfecta. Algúns dos mellores cadros dos que dispón acostuman a ocupar, nalgún momento, cargos políticos institucionais. O sindicato tampouco alcanza nunca, como é lóxico, a disciplina dun partido. Nel conviven tendencias diversas, o que sumado ao gran número de liberados que necesita e ao difícil que sería reintegralos á vida laboral, acaba por xerar unha dinámica interna delicada, moi necesitada de consensos. 

E chegamos á cuestión crucial. Que sucede cando eses sindicalistas comezan a participar no ámbito político? En primeiro lugar, séntense un pouco incómodos ante as persoas que teñen estudos. E todo aquel que actúa con algún complexo de inferioridade acostuma a ser desconfiado. Pódese dicir, xeneralizando, que o sindicalista desconfía de que o líder do partido o engane. Incluso desconfía dos líderes con pasado sindicalista, ante os que está, en ocasións, a un paso de considerar traidores. Son estas as razóns que explican a agresividade que ás veces mostra nas asembleas.

Pódese dicir, xeneralizando, que o sindicalista desconfía de que o líder do partido o engane

Pero, hai algo máis importante aínda. Un sindicalista débese aos seus afiliados, non aos patróns, non a administración, aínda que nalgún caso estea ligado a ela por razóns ideolóxicas, e aínda que necesite, por suposto, falar e negociar con todos. Ocórrelle o mesmo que a un avogado, que se debe aos seus clientes, aínda que deba falar constantemente con xuíces e fiscais.

Temos así un sindicalista da CIG que, cando goberna o BNG, sexa nun concello e non digamos na Xunta, ve como se lle activan as alarmas. Teme, sobre todo, escoitar a frase: “Antes eras moi reivindicativo, pero agora como se nota que están os teus!”.

Desta sensibilidade proveñen moitos problemas. Quizais, ao sindicalista lle falta sinceridade, pois, como vimos, as súas propias prácticas non resultan moi diferentes das directamente políticas. Ademais, ás veces, non só desexa evitar que o acusen de ser brando ante os seus correlixionarios, senón que dá un paso máis alá. Existe a experiencia de gobernos do BNG, nos que os membros da CIG esixiron unhas condicións laborais bastante superiores as reivindicadas anteriormente e ás que esixirían despois, ao cambiar o goberno.

Existe a experiencia de gobernos do BNG, nos que os membros da CIG esixiron unhas condicións laborais bastante superiores as reivindicadas anteriormente

E un último e importante elemento, as eleccións. Ninguén debería dicir que un sindicalista despreza as eleccións. Estaas facendo constantemente e ben que se preocupa de gañalas, situando incluso ese obxectivo por riba dunha selección demasiado ríxida dos candidatos. Do número de delegados conseguidos dependerá a forza do sindicato, o seu prestixio, as subvencións oficiais e o seu futuro persoal. 

Poderíase concluír así que as diferencias CIG-BNG responden máis a un choque de pragmatismos, ou ao que habitualmente se denomina un conflito de intereses, que á competencia entre moderados e radicais.

Comentarios