O BNG chama a participar “masivamente” na folga feminista do 8M

A portavoz nacional do BNG fixo este sábado, 23 de febreiro, un chamamento a participar “masivamente” na folga feminista convocada o 8M. “As mulleres non imos tolerar que se poña en cuestión ningún dos dereitos que fomos conquistando ao longo dos tempos”, afirmou Ana Pontón nun acto feminista da organización.
 

FOTO ANA PONTÓN ENCONTRO MULLERES 8M
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (segunda pola dereita), nun acto feminista da organización este 23 de febreiro. Foto: BNG.

Nunha intervención con mencións a Virginia Woolf, Rosalía de Castro, as mulleres antifranquistas ou as cigarreiras da Coruña -protagonistas en 1857 da primeira folga de mulleres na Galiza-, Pontón manifestou a necesidade de “non ter medo”. “Este 8 de marzo, todas as mulleres temos que saír á rúa para dicir alto e claro que non imos permitir 'nin un só paso atrás' dos nosos dereitos”, clamou.

Segundo a portavoz nacional do Bloque, cómpre “sinalar todas aquelas forzas políticas que pretendan dar pasos atrás ou sexan cómplices desa intención”. A referencia á formación de extrema dereita Vox e aos seus pactos co PP foi clara. Contra os retrocesos, mobilización, engadiu.

“O ano pasado fixemos historia na Galiza cun 8M masivo que quedou na retina de moitos e que marcou un antes e un despois”, indicou, “pero somos conscientes de que non abonda con loitar un día ao ano. Queremos seguir avanzando, porque resulta evidente que os que gobernan non tomaron nota. A brecha salarial non se moveu e mesmo medra, as pensións das galegas son as máis baixas, as investigadoras son discriminadas e a conciliación e corresponsabilidade segue a ser unha quimera”.

Ana Pontón insistiu no carácter feminista da organización que lidera: “Incorporamos un gran número de mulleres, unha voceira e dúas vicevoceiras, máis mulleres que homes na Executiva Nacional, e un grupo parlamentario co 70% de mulleres, mais quedan moitos retos por diante”.

Comentarios