BNG chama a defender unha “posición de país” fronte aos orzamentos do Estado

Ana Pontón pide deixar ao lado “partidismos” perante unhas contas que “discriminan Galiza”.

Ana Pontón
photo_camera Ana Pontón

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón defendeu a necesidade de establecer “unha posición de país” ante uns orzamentos do Estado que cualificou de “decepcionantes e discriminatorios” para Galiza, incidindo en que as contas foran pactadas no Congreso por PSOE, Podemos e En Marea.

Pontón considera que é preciso defender no Parlamento galego “unha posición de país” deixando atrás os partidismos. Nesta liña, avanzou que o BNG defenderá no pleno da cámara galega unha proposición non de lei para articular esa posición baixo tres eixos: “ Expresar a oposición do Parlamento galego ao proxecto de orzamentos do Estado que dan continuidade ao  agravio do goberno de Mariano Raxoi, que todos os deputados e deputadas galegas no Congreso  formulen  unha emenda á totalidade e establecer unha negociación co goberno para incorporar, como mínimo, os investimentos do ano 2009 que superaba os 2.000 millóns de euros, e por último, poñer sobre a mesa prioridades, o rescate da AP-9, derrogar a prorroga de ENCE e que o Estado asuma as obras do porto exterior da Coruña”.

Para a nacionalista, os orzamentos  do Estado  son “decepcionantes, discriminan a Galiza e non recuperan os dereitos  roubados durante os anos” baixo a escusa da crise.

 A portavoz da fronte indicou que cando o BNG condicionaba os orzamentos do Estado,  Galiza recibía inversións por riba dos  2.000 millóns de euros. Outras forzas políticas, engadiu, si condicionan hoxe en día en favor dos seus territorios como demostran, dixo, os investimentos no Estado español que suben un 14% mentres en Galiza baixan en 19%”.

Comentarios