O BNG de Castrelo de Miño pide contudencia contra a moción de censura

Baltar descarta "de momento" o pacto co PSOE
Esteban Suárez, alcalde de Castrelo de Miño polo BNG (Imaxe: Nós Diario).
photo_camera Esteban Suárez, alcalde de Castrelo de Miño polo BNG (Imaxe: Nós Diario).

O BNG de Castrelo de Miño reclamou onte “contudencia” ao PSOE para frear a “cada vez máis probábel” moción de censura que quitaría da Alcaldía o nacionalista Esteban Suárez. Nun comunicado, o BNG ve con preocupación que se poida pór fin ao Goberno que “escolleu” o voto da veciñanza e que pase a mans do PP.

Lembra que o voto de BNG e PSOE suma 61%, moi por riba do 33,5% do PP. As tres forzas políticas contan con tres edís cada unha. Foi a forza nacionalista quen obtivo un maior apoio.

“Estamos ás portas dunhas eleccións galegas que poden ser históricas e o resultado da circunscrición de Ourense será o que decida se desaloxamos ou non a Núñez Feixoo da Xunta da Galiza”, reflexiona o BNG, que insta o PSOE e o seu candidato aos comicios do 12 de xullo, Gonzalo Caballero, a expulsar de maneira inmediata os dous concelleiros, así como a aplicar a Lei antitransfuguismo.

“De non facelo, estarán de acordo coa moción de censura en contra do BNG. As desculpas esgrimidas polos tránsfugas para irse do PSOE non son críbeis, máis ben son sacadas do gabinete de comunicación do PP de Ourense”, engade.

Baltar culpa a González Afonso

O presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, descartou “polo de agora” a moción de censura após a baixa de dous edís socialistas. Indica que o PP está centrado nas eleccións galegas.

Baltar xustificou a baixa dos dous edís do PSOE pola “actitude do secretario provincial e subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, de ir contra as axudas directas a autónomos e pemes outorgadas pola Deputación de Ourense”, institución na que o propio Baltar é presidente a cambio de ceder o PP a Alcaldía da cidade das burgas a Democracia Ourensá.
 

Comentarios