O BNG abandona o Pleno en rexeitamento á súa “exclusión” da delegación galega que defenderá en Madrid o traspaso da AP-9

Os nacionalistas critican que se lles “exclúa” da delegación que defenderá no Congreso a transferencia da autoestrada: “Asumen a defensa grupos que vetaron o debate, que subiron as peaxes ou que son incapaces de vincular o rescate da AP9 o seu apoio aos orzamentos do Estado", criticou a portavoz nacionalista, Ana Pontón.

bng pleno ap9

O grupo parlamentar do BNG abandonou esta terza feira o Pleno do Parlamento como acto de protesta polo que consideran un “pacto entre PP, En Marea e PSOE” para “excluílos” da delegación que defenderá no Congreso da Lei de transferencia e rescate da AP9, aprobada pola Cámara galega en marzo de 2016, e da que o BNG impulsor e redactor do texto lexislativo. “É unha pinza que nós exclúe da defensa dunha lei escrita polo BNG desde a primeira a última liña”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón.

É unha pinza que nós exclúe da defensa dunha lei escrita polo BNG desde a primeira a última liña

Antes da votación para reelixir as tres persoas que irán á Cámara baixa, Pontón tomou a palabra para afirmar que “o que se vai producir non é presentable en termos éticos e democráticos e deixa este Parlamento en moi mal lugar”. A portavoz nacionalista criticou que van defender a lei “grupos que estiveron vetando o debate, grupos que estiveron subindo as peaxes e outros que nin tan sequera son capaces de condicionar o seu apoio aos orzamentos do Estado a que se produza o rescate da AP9”. Anunciou entón que “imos abandonar o Pleno para non participar nunha votación que nos parece unha estafa porque a democracia é moito máis que aritmética”.

O BNG denuncia que PP, En Marea e PSOE “pactaron cambiar” a delegación que irá ao Congreso a defender a Lei de transferencia da titularidade e competencias da AP aprobaba o 15 de marzo de 2016, data na que o Parlamento tamén designou as persoas encargadas de defender a posición de Galiza en representación do PP, PSOE e BNG.

Comentarios