Entre o 15 de outubro e o 1 de decembro

Blues, rockabilly, country e surf no Outono Códax de Compostela

O seu campo de especialización é o das diversas e inesgotábeis músicas estadounidenses, por veces máis ou menos de raíz. Os cinco concertos que compoñen o Outono Códax Festival son unha nova proba, que se poderá testar en diversas salas de Compostela entre o 15 de outubro e o 1 de decembro.
nikki lane
photo_camera A música de country rock Nikki Lane, unha das estrelas do Outono Códax Festival 2019. Foto: Wikipedia.

“O encontro volve xuntar os sons máis selectos do rhythm and blues, o soul e o rock'n roll clásico a través dunha coidada programación que, fiel á súa filosofía, inclúe a participación de artistas e bandas de referencia internacional, destacados nomes da escena estatal e algunhas das formación galegas máis relevantes ou emerxentes”, expón a organización, impulsada por Raíña Productions e A Reixa co patrocinio da adega Martín Códax.

outono códax 2019 presentaciónOs promotores do Outono Códax presumen ademais de que, agás as bandas galegas, todo o cartaz será inédito no país: “Facilitamos o acceso dos fanas ao directo de artistas de renome que dificilmente chegan aos escenarios galegos”. Velaquí a oferta da súa novena edición:

Helen and Shana. Cuarteto galego que se move entre o folk psicodélico e unha idea aberta do que se chamou “músicas do mundo”. Con letras en galego portugués, castelán e inglés, están a presentar o seu primeiro disco, Tempo. Abrirán o festival o 15 de outubro no bar Flamingo, con libre acceso até completar aforo.

Kim Lenz e The Rhum Runners. A estadonindense Kim Lenz é un dos vultos a salientar do Outono Códax. Raíña do rockabilly contemporáneo, a revista Rolling Stone definiuna cun expresivo “se Elvis fose muller probabelmente soaría como Kim Lenz”. No seu currículo atópanse concertos con mitos do xénero como Wanda Jackson ou Janis Martin. Acompañárana os franco belgas The Rum Rhuners, cruce de rock & roll con groove asiático e caribeño. Será o 19 de outubro na Sala Capitol.

The Reverend Shawn Amos e Los Torontos. A súa proposta é blues, o xénero que seguramente respira na base de todas as músicas afroamericanas. O neoiorquino Reveren Shawn Amos engádelle soul e pop e factura incandescentes actuacións. A mesma noite compartirán escenario con el Los Torontos, formación catalá de surf e frat rock. 9 de novembro na Sala Capitol.

Andrew Combs. Country de aires soul ou soul infectado de country, eis o nó musical de Andrew Combs. Nado en Dallas (USA) pero chegado de Nashville, o seu terceiro disco, All these dreams, acumula 15 millóns de reproducións no Spotify. 29 de novembro no Riquela Club.

Nikki Lane e The Fabulous Resaca Brothers. O peche do Outono Códax correrá a cargo do country rock da estadounidense Nikki Lane, definida como “nova dama da denominada música americana”. “Potentes letras e guitarras típicas do blues e o country pop dos 60” serven a unha Lane que está a piques de publicar o seu cuarto disco. O blues eléctrico dos galegos Fabulous Resaca Brothers abrirán o concerto. 1 de decembro na Sala Capitol.

Nota: presentación do Outonoa Códax Festival 2019 este 10 de setembro en Compostela.

Comentarios