O bloqueo polaco e húngaro tensiona o Consello Europeo

O encontro de hoxe estivo condicionado polo veto de Polonia e Hungría á política financeira da Unión.
consello_europeo19nov2020
photo_camera O presidente do Consello, Charles Michel, na xuntanza de hoxe (Foto: Consello Europeo)

Os xefes de Estado e de Goberno dos 27 países membros da Unión Europea reuníronse esta quinta feira de forma virtual nunha xuntanza que, malia estar previsto que xirase arredor das medidas para loitar contra a pandemia, estivo condicionada polo recente veto de Polonia e Hungría ao Marco Financeiro Plurianual 2021-2027 e aos mecanismos que permitirán o desembolso dos 750.000 millóns de euros para a recuperación pos-Covid.

Na xuntanza tres eran os puntos a tratar: o mutuo recoñecemento de tests entre Estados, o progreso na elaboración da vacina e o protocolo para a súa futura distribución, e análise dunha estratexia común  no levantamento das medidas restritivas. Porén, a polémica destes días aboiaba no ambiente. 

Xa nas horas previas a tensión esta evidente. Por exemplo, o primeiro ministro de Austria, Sebastian Kurz, escribiu na súa conta do Twitter pouco antes de que pasadas as 18 horas dese comenzo a reunión por videoconferencia: "As reformas e o estado de dereito son a base para o desembolso de # fondos da UE. Non podemos transixir e tamén debemos controlar exactamente en que se gasta o diñeiro".

Vinte minutos

En calquera caso, o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, non quixo que a importante reunión fose secuestrada por este tema. Así, foron menos de 20 minutos ─os 20 primeiros, iso si─ os dedicados á cuestión dos fondos e do estado de dereito, tal e como informou o portavoz de Michel, Barend Leyts, na súa conta do Twitter.

Porén a polémica continúa ao igual que as reunións, lideradas por Alemaña, que ostenta a Presidencia de quenda da UE. A presión sobre Polonia e Hungría, que esta semana encontraron apoio moral en Eslovenia, vai en aumento. Porén os Gobernos dos dous países manteñen o enroque. 

"En Bruxelas hoxe só se ve os países que deixan entrar aos inmigrantes como aqueles que están gobernados polo estado de dereito. Aqueles que protexen as súas fronteiras non se consideran como países onde prevalece o estado de dereito", sinalaba o primeiro ministro húngaro, Viktor Orbán, nun comunicado.

"Dicimos un forte 'si' á UE mais un forte 'non' aos mecanismos que nos castigan como a nenos e tratan a Polonia e outros Estados membros de maneira desigual", afirmaba o seu homólogo polaco, Mateusz Morawiecki, no Parlamento.

Comentarios