Ademais de Sanmartín, actual vicepresidenta da Deputación da Coruña e aspirante á alcaldía, figuran na listaxe nacionalista Navia Rivas, Lois Calvelo, Pilar Lueiro, Xosé Quintáns, Esther Martínez, Henrique González, Margarita Ledo, Salva Martí, Lucía Carreira, Fins Eirexas, Isabelle Kerdudo, Xesús Domínguez, Helena Maio e Alexandre Garrido.
“Esta é unha candidatura sólida onde conxugamos renovación, mocidade e experiencia”, explicou Goretti Sanmartín no acto público desta quinta feira en que deu a coñecer os candidatos, “e sobre todo conta con xente que provén do movemento asociativo, veciñal, cultural ecoloxista e das preferentes, alén de seren representativa dos distintos barrios e parroquias que conforman Santiago de Compostela”.
A candidata nacionalista afirmou que á cidade “foille mellor cando o BNG tivo maior presenza no Concello”. A organización formou parte dos tres gobernos locais presididos polo socialista Xosé Antonio Sánchez Bugallo. Na actual corporación conta con dous edís, Rubén Cela e a propia Goretti Sanmartín, que en maio deste ano encabezará a candidatura.
“No BNG temos un proxecto sólido e unha organización cohesionada, ademais dun proxecto sólido para Compostela que quere deixar atrás estes oitos anos de deriva”, insistiu a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, que acompañou a lista na súa presentación.