Opinión

En bloque, podemos

Levo militando no BNG cáseque vinte anos e ainda non cheguei aos corenta. Cando decidín dar o paso foi por un fenómeno similar ao que agora está a suceder con Podemos: líder ilusionante nunha formación contestataria que combate aos partidos clásicos asentados nas institucións e que non gobernan para a maioría. 

Levo militando no BNG cáseque vinte anos e ainda non cheguei aos corenta. Cando decidín dar o paso foi por un fenómeno similar ao que agora está a suceder con Podemos: líder ilusionante nunha formación contestataria que combate aos partidos clásicos asentados nas institucións e que non gobernan para a maioría. Daquel resplandor consolidóuse o proxecto firme que agora é o BNG. Por iso mesmo non debéramos caer na tentación de desprestixiar o fenómeno Podemos en troques de tirar conclusións que nos axuden a mellorar. A clave onde os procesos transformadores tenden a fallar é no paso do proxecto encabezado por un referente ao proxecto colectivo que crece en apoios e en base militante. Eles van a sufrir os mesmos atrancos que nós sufrimos, agora que están na cresta da ola. Arrimaránselle moitos, e non todos serán castos, puros e abertos ao diálogo. Terán que comezar a ter que tomar decisións entre opcións nas que ningunha será perfecta. Mais teñen un as na manga que nós non soubemos esgrimir convenientemente, a democracia participativa. Nalgunha ocasión xa teño sinalado a proposta reforma13 encabezada por Daniel Ordás, alguén que tamén aproveitou os focos de La Sexta para comezar unha opción renovadora. Que diferente sería si fósemos quen de que na Galiza tivésemos medios propios que chegasen á maioría da xente, verdade?

"Eles van a sufrir os mesmos atrancos que nós sufrimos, agora que están na cresta da ola. Arrimaránselle moitos, e non todos serán castos, puros e abertos ao diálogo". 

Si observamos os catorce puntos programáticos que Podemos reflexa no seu folleto electoral, o BNG non só os comparte, sinón que moitos deles son reivindicacións clásicas e, por suposto, todas inclúense no noso ideario e programa político. Mais a diferencia radica na forma de decilo, seguimos tendo medo a ser como somos, sin obviar dous factores que por moito que nos empeñemos non contaremos nunca: explosión pública amparada por un gran medio de comunicación e frescura por ser unha opción nova non contaminada polo desgaste na toma de decisións e o exercicio do goberno. Qué farán cando teñan que elexir entre deixar gobernar ao PP ou a un PSOE déspota como nos sucedeu en Vigo? Como non cometan os erros que nós tivemos imos ter Podemos para rato.

É significativo como venderon que a súa campaña foi sufragada polas achegas de militantes e simpatizantes, a igual que nós, ou a moderación nos gastos derivados do exercicio da política. Namentres, a nosa candidata proclamaba aos catro ventos que sempre viaxou en turista e non acaparou nin un só titular. Si o BNG tivera feito folletos en fotocopias A4 en branco e negro terían dito que éramos uns cutres sin fondos. E seino ben porque nos meus comezos nisto da política colaborei nunha campaña ás Municipais no meu concello onde o orzamento era de cen mil pesetas e só en votos e cartaces fóransenos setenta ou oitenta mil. Os folletos co programa os fixeramos entre apenas tres persoas, fotocopiando unha matriz feita con recortes pegados con pegamento de barra. Eran os tempos nos que si un candidato do BNG non levaba garabata no cartaz eleitoral cáseque se lle chamaba indixente. Como mudaron os tempos, verdade?

E como os tempos cambian agora debemos reflexionar e obrigarnos a adoptar medidas de apertura e trasparencia que até o de agora non adoptábamos ou, adoptándoas, as potenciamos pouco. E poño un par de exemplos.

"É significativo como venderon que a súa campaña foi sufragada polas achegas de militantes e simpatizantes, a igual que nós, ou a moderación nos gastos derivados do exercicio da política. Namentres, a nosa candidata proclamaba aos catro ventos que sempre viaxou en turista e non acaparou nin un só titular"

A nosa carta financieira é un segredo só compartido coa militancia, cando é un exemplo de porqué os cargos públicos ostentados por representantes do BNG nunca serán casta política. E non nego que no pasado houberan intentos de que se distinguise entre dirección e militancia de base. Eis o motivo polo que algúns abandonamos o desencanto e dimos un paso á fronte, para recuperar o BNG que nos ilusionara. Hoxe podo decir que non vale máis a voz de Xavier Vence ou Bieito Lobeira que a miña ou a de calqueira outro militante que pasou horas na campaña pasando a megafonía, pegando cartaces ou subindo a unha escada para colgar uns PVC's que na súa maioría eran reciclados doutras campañas.

Outro caso é o da trasparencia nas nosas contas, sexan as ordinarias ou as de campaña. Recentemente as debatimos a nivel comarcal e nacional. Eran dignas de exposición pública, para que todo o mundo sepa o compromiso e esforzo da militancia por manter un proxecto político feito por e para os galegos e galegas de a pé. O intento de evitar a malinterpretación das mesmas lévanos ás veces a un exceso de celo, cando en diversas ocasións comprobamos que os medios non precisan as nosas contas para malinterpretarnos, xa tiraron das do Consello de Contas para facelo. A nosa prudencia non evitou as consecuencias negativas e non gañamos a confianza e o tanto da trasparencia ante os nosos achegados. Mención especial ten o suceso dos 6.000 €, no que demostramos un exercicio de trasparencia e de traballo eficiente e dilixente que debe ter o recoñecemento de todos e todas. Cál é a postura de Podemos ante a trasparencia das contas? Teñen publicados todos os movementos na súa web, copia das facturas incluidas. Outros esgrimían a transparencia como arma mais non a practican, Podemos si e hai que recoñecelo.

Xa teño reflexionado moito sobre o fenómeno 15M, dos erros que tivemos ante el, das taras que os seus integrantes tiveron e da vía de escape que supuxo para a situación de tensión vivida naqueles momentos, actuando como o descorche dunha botella de cava. Mais daquelo quedou unha pelota botando e algúns tentamos que o BNG a rematase, afianzando o cambio na democracia participativa e na transparencia, mais só tivemos un éxito parcial. Ainda temos tempo a afondar nese camiño. É evidente que algúns tentaron o remate nas pasadas Autonómicas, mais non foi sinceiro e percibíuno a xente. O dianteiro estrela, desta vez, foi Pablo Iglesias.

Imos quedarnos sentados mirando a caída de Podemos ou, quen sabe, a súa transformación nun proxecto sólido, ou imos aceptar a mensaxe que a sociedade galega nos transmitiu? Mais tampouco debemos perder a perspectiva. De Podemos ao BNG houbo unha diferenza de 4.500 votos e nos queren vender o seu resultado como exitoso e o noso como marxinal. Nas nosas mans está poñer en contexto a situación e reaxir sumando ao proxecto nacionalista, que está hoxe más aberto ás achegas e á transformación que nunca, un proxecto nacional galego que nos sitúe na primeira liña dun debate estatal no que se pretende prescindir de Galiza como nación e, como decía aquela canción de A Quenlla, eu teimo en que "ainda son galego".

Comentarios