Blanco di que non acredita na bicefalia e se desbota para as primarias á presidencia da Xunta

O ex ministro de Fomento, nunha entrevista na SER Galiza, estima en 5.100 millóns de euros o que deixarán de percibir @s pensionistas galeg@s nos próximos 6 anos a consecuencia do que cualificou como "un recortazo que se vai consolidar".

José Blanco
photo_camera Blanco, nunha comparecencia na súa etapa como ministro

Nas últimas semanas, fontes próximas a Blanco viñan sustentando a tese de que o ex ministro e ex vicesecretario xeral do PSOE se presentaría ás primarias socialistas para elixir o candidato á presidencia da Xunta após o Tribunal Supremo ter arquivado a causa aberta contra el.

Blanco non alimentou hoxe esas espectativas, nunha súa entrevista coa xornalista da SER Galiza Aida Pena. Máis ben todo o contrario. Interpelado directamente a ese respeito, o que fora man dereita de Zapatero contestou: "Non creo na bicefalia. Sempre pensei que o candidato á presidencia da Xunta debe ser o secretario xeral do partido".

Isto resultaría nun apoio á candidatura de Besteiro, quen vai ser eleito secretario xeral após se impor a Manuel Vázquez nas recentes primarias realizadas no PSdeG. Perguntado se apoiaba entón a Besteiro, Blanco foi evasivo: "Eu díxenlle o que acabo de dicer, que non creo nas bicefalias".

Fontes próximas a Blanco viñan sustentando a tese de que o ex ministro e ex vicesecretario xeral do PSOE se presentaría ás primarias

Para Blanco, o PSdeG ten de ofrecer un "proxecto unitario e con vocación maioritaria" que lle permita liderar "a esquerda e o progresismo" para derrotar a Feijóo. O líder do PPdeG é o presidente da Xunta, mais "quere irse a Madrid", dixo Blanco, en alusión ás ambicións de Feijóo a substituír a Rajoy na Moncloa.

Pensións

Sobre a recente contra-reforma do sistema público das pensións, Blanco fixo unha crítica moi contundente.

"En 6 anos, os pensionistas en Galiza deixarán de recibir 5.100 millóns de euros. Máis de 800 millóns de euros ao ano. É a primeira vez que se fai un recortazo así, un recortazo que se vai consolidar. Isto é especialmente grave para Galiza. No noso país as pensións son menores [as máis baixas do Estado] e en moitos casos constitúen o sostén familiar", dixo.

O ataque ás pensións ligouno á redución das bolsas. "Están desmantelando o Estado do Benestar. Sen dicelo, pero o están a desmantelar. Por outro lado, ese é desde sempre o programa da direita".

Durante a entrevista, Blanco referiuse en todo momento a Galiza como o seu país, mais sen deixar por iso de expresarse en español.

Comentarios