MARÍA XOSÉ QUEIXÁN, AO REDOR DE A ESMORGA

"Blanco Amor viviu varias vidas e nunca foi quen de mostrarse"

Entrevistamos María Xosé Queizán. É un dos contidos do A Fondo desta semana: A Esmorga en filme: o soño cumprido de Blanco Amor, disponíbel aquí.

queizán

Desencadeou o final tráxico de A Esmorga e virou protagonista da última novela de María Xosé Queizan. E poida que a boneca de A Esmorga, aquela coa que se obsesionou o Bocas, fose algo máis ca unha ficción. Cóntanolo María Xosé Queizán, que vén de publicar A boneca de Blanco Amor. Ela tratou Blanco Amor e foi testemuña da indiferenza e a incomprensión coa que Galiza o recibiu á súa volta de América.

-Como xurdiu a idea de facer o libro? Que te levou a recuperar esa boneca que en A Esmorga queda diluída como o obxecto de obsesión dun dos protagonistas?

-En realidade foi a propia boneca. Descubrina en Punta Arenas cando estiven en Chile na casa de Sara Braun, que convertín en personaxe importante da miña novela.  Diante da casa hai unha boneca de tamaño natural que vén sendo seguramente unha reprodución de Sara Braun. Cando vin aquilo, hai catro anos case, pensei que esa podía ser a boneca d´A Esmorga. Cando Blanco  Amor foi a Chile, estivo en Punta Arenas un tempo e coñeceu aos descendentes desas familias de colonos que chegaran alí  no século XIX, e que xeraron unha enorme riqueza e cambiaron o país, fundamentalmente nesa zona do sur de Chile.

-Para ti a orixe d´A Esmorga ten moito que ver con esa estadía de Blanco Amor en Chile…

- Blanco Amor publicou Chile a la vista no 52 e A Esmorga no 59. Blanco Amor saíu de Chile para Bos Aires e de seguida se puxo a escribir A Esmorga. A boneca é moi importante n´A Esmorga, é o fundamento do que vai pasar despois, da resolución. A quen eu recupero  no meu libro, porén, non é tanto á boneca senón ao dono da boneca, ese señor de Andrada que Blanco Amor apenas trata e deixa esquecida entre os fumes do opio.

-Destacas no teu libro a importancia de ter vivido en América para a obra de Blanco Amor, lonxe de influencias risquianas e as piñeirianas. En que se manifesta?

-Blanco Amor  é o único que escribe realismo nese momento en que todo na literatura galega tende a fuxir da realidade. Ademais, el utiliza técnicas moi modernas. A Esmorga segue o que despois se chamaría técnica telefónica. Está moi ao día en todo. Buenos Aires era un centro cultural de gran importancia. Nada que ver con esta escuridade e os medos con que se movía a xente aquí.

"Blanco Amor  é o único que escribe realismo nese momento en que todo na literatura galega tende a fuxir da realidade. Ademais, el utiliza técnicas moi modernas"

-Como valoras o papel das mulleres na obra de Blanco Amor?

-Non podemos dicir que Blanco Amor sexa un home que respecte e valore as mulleres pero n´A Esmorga, seguramente porque se trata de mulleres pobres, non acontece así. Toda a literatura de Blanco Amor preséntanos a xente de clase social baixa, obreira, ou marxinal. Tendo en conta esa situación social das mulleres e tendo en conta que n´A Esmorga as mulleres se dedican aos traballos máis viles, como a prostitución,  iso leva a Blanco Amor á defensa destas mulleres. Preséntaas con dignidade, sen dúbida.

-Cal foi a túa relación con Blanco Amor?

-Trateino moito. Era un home correctísimo, elegante, moi ben posto, de feito escribiu un libro que se chama Las buenas maneras. Era un home torturado pola significación que tiña socialmente a súa homosexualidade. O que eu lle reprocho, o que puiden cismar cando estiven ao pé do seu cadáver, foi a culpa que tivo el niso.

-Porque ti acompañaches a Blanco Amor nas primeiras horas trala súa morte, no Hospital Clínico de Vigo, tras falecer só nun taxi camiño dunha clínica. Como o lembras?

-Tiven ocasión de estar con catro persoas, por casualidade, co cadáver de Blanco Amor, bastantes horas nunha enorme desolación. Iso levoume a conectarme con Blanco Amor, a pensar na súa vida, en que morrera tan só como  vivira e nas causas que o produciran. Iso tamén me levou a escribir esta novela.

"E eu vin como o maltrataban de palabra en actos públicos, como se desvirtuaban as cousas que dicía, que pouco respectado foi."

-Estabas a falar do modo en que viviu a súa homosexualidade…

 -Blanco Amor tiña que marcharse de Ourense, e non só por aspectos económicos, senón porque alí non se podía mover. Aínda hoxe Ourense é moi provinciano, que sería nos tempos de Blanco Amor? El era maltratado na escola, onde lle chamaban Blancaflor. Blanco Amor, fóra de aí, vaise relacionar con círculos de homosexuais noutras partes do mundo.Iso lévao a coñecer a xente de moito poder adquisitivo e ter outro tipo de coñecemento da realidade que non o tería no mundo galeguista. Blanco Amor vivía varios mundos, varias vidas, e nunca foi quen de mostrarse como era.

-Ese non aceptar a súa homosexualidade entendo que amargaría a súa vida, ao igual que a ignorancia ao redor da súa figura que presenciou á súa volta a Galiza…

-Iso amargou a súa vida porque os seus amigos ao mesmo tempo non eran amigos. Aínda que ti disimules, os outros saben. Eu teño asistido a momentos desagradables, como encontrar a Blanco Amor no  medio da rúa Príncipe cun mozo ao que presentaba como o seu sobriño, e o resto dos acompañantes logo facían rexoubas. Todo o mundo sabía que era homosexual pero el negaba a súa homosexualidade en determinados ambientes. Blanco Amor era moi orgulloso, cunha enorme dignidade. El chegou aquí nun momento de transición, en que estabamos facendo a revolución. Non era coñecido no país e a xente nova non o tiña lido nin sabía todo o que valía a súa literatura e o que tiña feito polo galeguismo. E ignorábano. E eu vin como o maltrataban de palabra en actos públicos, como se desvirtuaban as cousas que dicía, que pouco respectado foi.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios