Opinión

Birimbao

É esta a obra dun autor fundamental do noso sistema literario que se lle dá a coñecer ao lectorado máis de oitenta anos despois da súa xestación. En efecto, Birimbao. Poemas de mí para ti (1937-1939), é un libro de versos de Celso Emilio Ferreiro, compostos no seu período de mobilización bélica, tanto no Rexemento Milán coma no de Transmisións, en Asturias.

Segundo sinala no limiar Ramón Nicolás, máximo especialista nesta figura, este título contribúe a alumar un escuro e descoñecido período creativo. Ao tempo que, alén dos intrínsecos valores literarios que posúe, certifica a súa sentenza de que é moito o Celso Emilio que fica por coñecer e difundir.

A edición deste volume correu a cargo do presidente da fundación que leva o seu nome, Xavier Ferreiro Loredo. Quen nunha aclaratoria introdución dá conta dos pormenores desta publicación.

Ao ano do pasamento do poeta, a súa viúva, Moraima, recibe, procedente de Córdoba, a fotocopia dos orixinais que conformarán esta obra. En posesión da familia de Emilio Rodríguez “Prenta”, un vello amigo da mocidade celanovesa. Con quen intercambiaba misivas dende a fronte de guerra.

A presente edición é o froito de estudar, comparar e cruzar os textos de todo o material por el producido na guerra coa súa obra posterior. Consta de tres partes ben diferenciadas: Poesía de parapeto —de contido bélico—, Birimbao. Poemas de mí para ti —de temática amorosa— e Memoria de mis caminos —de temática varia—.

Unha parte da colección de poemas —corenta e nove— ficaba inédita. O resto son versións de textos publicados nos poemarios que editou nos anos corenta. Material, escrito en castelán, que cómpre valorar ao abeiro das circunstancias da súa xestación.

Como, de xeito atinado, se sinala na introdución “A guerra é a dama sombría que someterá o poeta a probas moi duras e dolorosas. A guerra será a súa verdadeira forxa como poeta, a fronteira entre a perda da humanidade e a súa recuperación”.

Resulta significativo comprobar, neste período de tanteos e incertezas, a vacilación onomástica que presenta á hora de asinar os poemas. Xustificábel dende a perspectiva de quen procura a propia voz.

Ademais da reprodución do corpus dos poemas, a edición inclúe asemade outros valiosos materiais. Entre eles o labor ecdótico do presente poemario. Mais tamén unhas consideracións sobre o seu Cartafol de poesía de 1936. E a reprodución —coa correspondente contextualización— dun inédito conto, escrito naquela altura e ambientado naquel cruento período, titulado “Morir”. Sen obviar un amplo e variado apéndice documental.

Valiosos fíos poéticos que modelan e tensan a corda dunha voz nova, que, froito dos avatares do existir, ben logo ha empezar a vibrar na “Longa noite de pedra”. Cuxa sensibilidade principiará a se rebelar contra o fato asasino que tronzou a república do progreso: “el día que hicieron de ti una cosa, / el día que pusieron un hierro en tus manos / (tus manos hechas para modelar estrellas)”.

Comentarios