A CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Big Eyes, o retorno de Tim Burton

Volta Tim Burton, un director con ollar propio e un estilo visual absolutamente persoal. Big eyes é a proposta do noso crítico para esta fin de semana.

Cartaz de Big Eyes
photo_camera Un fotograma do filme

BIG EYES
Ano: 2014
Duración: 105 min.
Nacionalidade: estadounidense
Director: Tim Burton
Guión: Scott Alexander e Larry Karaszewski
Fotografía: Bruno Delbonnel
Música: Danny Elfman
Elenco: Amy Adams, Christoph Waltz, Danny Huston, Jason Schwartzman, Terence Stamp, Krysten Ritter, Jon Polito, James Saito

SINOPSE
Historia do turbulento matrimonio entre Margaret e Walter Keane, que entre os anos 50 e 60 tiveron recoñecemento mundial grazas aos seus cadros de nenos de ollos grandes. Sendo a autora Margaret (Amy Adams), os cadros atribuíronse durante moito tempo ao seu marido Walter (Christoph Waltz) debido ao seu talento para a venta. 

CRÍTICA
Tras deixarse embrollar pola Disney (Alicia no País das Marabillas, Frankenweenie) e tras a prescindible Sombras Tenebrosas, Tim Burton presenta un ‘biopic’ arredor da curiosa historia do matrimonio formado por Margaret e Walter Keane: unha sorte de sociedade artística na que unha pintaba e o outro vendía. Pero Walter non só se dedicaba a vender a obra da súa muller, cousa que se lle daba verdadeiramente ben, senón que, aproveitando as circunstancias, con moita labia e bastante micromachismo, tamén conseguiu que Margaret firmara os cadros como se foran do seu marido. Cousa que perdurou durante toda unha década. Non é a primeira vez que Burton dirixe a historia dunha personaxe extraordinaria esquecida polo tempo. Xa o fixera en Ed Wood... Agora rende unha merecida homenaxe a Margaret Keane, interpretada por Amy Adams (gañadora do Globo de Ouro o ano pasado por A Grande Estafa Americana), unha pintora que tivo que sufrir o xugo machista da sociedade de metade do século XX, do seu primeiro matrimonio e, por suposto, do segundo marido no que se centra a película: Walter Keane, un home enchido de si mesmo, gran vendedor, manipulador e mentirán, que se atribuíu a autoría das súas particulares obras de nenos con ollos grandes, interpretado polo solvente Christoph Waltz (gañador de dous Óscars por Django Desencadeado e Malditos Bastardos).

Asemella o punto de inflexión que precisaba Tim Burton para o rexurdimento da súa carreira como director, que estaba indo en picado

Adams, máis contida e menos xesticulante que Waltz, pero ambos con nomeación aos Globos de Ouro deste ano, xunto co tema central da película a cargo da cantante melódica Lana del Rey. O resto de elenco está formado por Danny Huston (30 Días de Escuridade), Jason Schwartzman (Viaxe a Darjeeling), Terence Stamp (Superman II) e unha sobresaínte Krysten Ritter (a veciña de Breaking Bad) no rol da irmá da protagonista. Big Eyes é un vello proxecto no que Scott Alexander e Larry Karaszewski, escritores do guión e tamén produtores, levaban tempo detrás del. Tras 10 anos no caixón, acadaron por fin levalo á gran pantalla. Tim Burton inicialmente tamén só ía a producir, pero antollábase o director ideal para levar á pantalla a historia dunha artista cunha visión artística tan freak, kitsch e de tan dubidoso gusto como o seu. Só hai que mirar os cadros de Margaret Keane para ver que non era sen tempo que ambos se atoparan. Unha pintora que influenciou numerosos ilustradores, debuxantes, películas e incluso vídeo-clips (veume inmediatamente o mítico Black Hole Sun de Soundgarden). Porén, Tim Burton semella que optou por non despregar todo o seu potencial visual, probablemente para non eclipsar o talento da artista co seu mundo ‘burtoniano’. Prefire filmar dunha maneira máis rotineira para centrarse no drama que tivo que pasar, o momento histórico no que se desenrolaba e plasmar o maxín da artista o máis parecido ao que foi. Por certo, xenial ambientación dos anos 50 e 60, e xenial fotografía do galo Bruno Delbonnel (Amelie, A Propósito de Llewyn Davies).

Big Eyes aborda o machismo dunha época, que pode ser perfectamente extrapolable a esta, afonda no efecto “bola de neve” das mentiras, ironiza sobre o ego do artista e apunta claves sobre a capacidade de empezar de novo ante calquera situación, por difícil que sexa. Asemella o punto de inflexión que precisaba Tim Burton para o rexurdimento da súa carreira como director, que estaba indo en picado. Margaret Keane, xa case nonaxenaria, estará encantada co filme. Boa alternativa na carteleira.

Máis en Ao vivo
Comentarios