Besteiro acóllese ao dereito de non declarar polo 'caso Garañón'

O secretario xeral do PSdeG está imputado por un delito de suborno, prevaricación, tráfico de influencias e contra a ordenación do territorio cando era responsábel de Urbanismo do Concello de Lugo.

Ramón Gómez Besteiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ramón Gómez Besteiro

José Ramón Besteiro acudiu esta terza feira (12 de xaneiro) aos Xulgados de Lugo en calidade de imputado por un suposto delito de suborno, prevaricación, tráfico de influencias e contra a ordenación do territorio no denominado 'caso Garañón'. 

Porén, o secretario xeral do PSdeG-PSOE, que acudíu sen compañía de letrados, acolleuse ao seu dereito de non prestar declaración após os falidos intentos da defensa por que a citación ficase adiada e mesmo suspensa. 

Así as cousas, á saída dos xulgados Besteiro dixo á imprensa que "non entendo" o feito de que a súa comparecencia se demorase após "180 días" de "pedir declarar", como tampouco comprende, asegurou, que non se adiase mesmo a outra data dentro da mesma semana. "É de sentido común", acrecentou. 

O denominado 'caso Garañón' remóntase a hai unha década cando se iniciou o proceso para a construción dunha urbanización en Lugo, sendo responsábel da concellaría de Urbanismo o actual líder d@s socialistas galeg@s. 

O denominado 'caso Garañón' remóntase a hai unha década cando se iniciou o proceso para a construción dunha urbanización en Lugo

A parte denunciante representada pola Asociación en Defensa das Costas do Parque Rosalía de Castro quere que Gómez Besteiro explique quen redactou o convenio relativo á urbanización aprobado pola xunta de goberno municipal o 31 de decembro de 2005. Neste senso, o avogado da acusación asegura que resultaría "sorprendente" que este documento fose redactado pola promotora inmobiliaria do Garañón mais sen a participación dos servizos técnicos do Concello de Lugo. 

Razón pola que procuraban coa declaración do ex-concelleiro que esta cuestión se aclarase. Aliás, o proceso xudicial tamén investiga a a adquisición por parte de Besteiro dun piso que, con anterioridade, fora propiedade dunha das empresas que vendeu o predio no que foron construídas as torres do Garañón. 

A xuíza, Pilar de Lara, investiga se existe relación entre as autorizacións definitivas para a edificación, nas que se mudou a edificabilidade --prevista xa en 1991 co PP á fronte do goberno municipal-- e a adquisición da vivenda, para alén de se terían existido beneficios a favor de Besteiro no prezo e na posterior reforma do inmóbel.

Comentarios