Opinión

Ben pola oposición

Acertou de cheo a oposición no Parlamento ao axir conxuntamente fronte ao veto do PP a determinadas comparecencias na comisión de sanidade. Feixoo ten un grave problema coa democracia, non entende que esta non existe se non hai equilibrios de poder, se o executivo non pode ser realmente fiscalizado polo lexislativo. Aceptar mansamente a sabotaxe do PP nesta materia tería sido tanto como para dar por bon o aserto de que na Galiza, a seguir a consigna de Margaret Thatcher, There Is no Alternative. E si que a hai, difícil e complexa de tecer (e se teñen dúbidas sobre iso ollen cara aos procesos internos da Marea), mais existe e é viábel de haber vontade política suficiente (e se non a hai, entón aquí alguén está a lle virar as costas ás demandas de no mínimo a metade do eleitorado galego). 

Feixoo ten un grave problema coa democracia e teno tamén coa súa neglixente xestión da sanidade. Non se pode estar agredindo sine die os servizos públicos, e engordando os negocios privados, coa secreta esperanza de que iso que se chama sociedade civil non vaia erguer a súa voz.

Non todo é controlábel desde Monte Pío e as terminais mediáticas públicas ou para-públicas. Hai sociedade consciente dos seus dereitos, que paga os seus impostos e que pide en troca servizos esenciais, como o da saúde, de calidade. Vexo por vez primeira en moito tempo Feixoo un tanto á defensiva, sen respostas máis alá da insufríbel propaganda. Ben pola oposición. Ese é o camiño.

Comentarios