Belén Toimil: "Se estás tensa non lanzas como nos adestramentos, é como unha auto sabotaxe"

A lanzadora de peso Belén Toimil (Mugardos, 1994) soña cos Xogos Olímpicos. E se para chegar a Toquio hai que pasar polo difícil proceso de cambiar por completo a técnica coa que se desenvolveu desde que era unha nena, “pois faise”, coa mesma actitude que a levou a recuperarse por completo dunha gravísima lesión de xeonllo en 2018.
A lanzadora galega defende as cores do Playas de Castellón. (Foto: Fegapi).
photo_camera A lanzadora galega defende as cores do Playas de Castellón. (Foto: Fegapi).

—O pasado mes de setembro gañou o Campionato de España arrebatándollo a Úrsula Ruíz, unha muller que levaba gañándoo nin máis nin menos que 12 anos seguidos. Como viviu ese momento de destronar finalmente a Úrsula? 

Fíxome moita ilusión gañar o ouro estatal, porque levaba oito anos sendo prata. Ía moi mentalizada, sabía que tiña posibilidades de gañar, porque mellorara moitísimo, nos adestramentos estaba lanzando xenial... pero chegou a competición e non lancei como sabía que podía facelo, e iso deume moita rabia, mais cando me vin coa medalla de ouro nas mans quedei encantada (ri). 

—Non é a primeira vez que unha atleta me comenta ese contraste entre os resultados nos adestramentos e nas competicións. Tanto cambia a cousa?

No meu caso, nas competicións xóganme unha mala pasada os nervios, sobre todo agora que cambiei a técnica de lanzamento de lineal a xiratoria. Esta última tempada, que tivo unha pandemia de por medio e tres meses sen poder adestrar, xeroume moita inseguridade no sentido de non estar preparada tecnicamente para competir, de non ser quen de facer os lanzamentos cos ollos fechados nun estilo no que son unha novata... iso no meu caso ténsame, e se estás tensa xa non lanzas o mesmo que nos adestramentos. É unha especie de auto sabotaxe que fai que as cousas poidan saír mal. 

—Por que unha deportista que está xa na categoría absoluta decide cambiar de técnica?

Foi decisión do meu adestrador e a min pareceume ben, porque levaba dous anos estancada no lineal. É certo que me colleu unha lesión de xeonllo en 2018, pero a miña mellor marca era xa de 2017, así que, por que non? Arriscamos, porque era o ano olímpico cando comezamos co cambio, e eu estaba insegura sobre a técnica, pero xa estou vendo as melloras, atópome súper cómoda con ela e dáme a impresión de que teño moita máis marxe de mellora agora que coa lineal.

—Podería dicirse que deu un paso atrás para poder dar dous adiante...

Si, porque dun día para outro non vas converterte nunha experta de algo que non fixeches nunca, tes que adestrar e botarlle horas, facer que che saia natural. Sacrificamos cousas, pero agardamos que a base de traballo todo vaia ben nesta nova tempada.

—Pode ser impresión miña, pero o xesto coa nova técnica xiratoria non é máis agresivo co seu xeonllo mancado?

Eu tamén o pensei. A miña lesión foi no xeonllo esquerdo, no que se carga o peso na saída do lanzamento xiratorio, pois apóiase todo o corpo sobre el para empurrar e facer o salto, pero estou adestrando a tope, facendo exercicios de forza no ximnasio e teño tan fortalecidas as pernas que non noto ningunha debilidade.

—Ademais de peso, practica lanzamento de disco, mais é unha disciplina que parece ter deixado de lado nos últimos tempos, por que?

Eu compatibilicei peso e disco hasta categoría júnior, e de feito no Europeo quedei sexta en disco e quinta en peso, pero chegou un momento en que houbo que escoller para adestrar mellor unha delas e deixei o disco, mais na liga de clubs aínda compito para o meu equipo, a pesar de que non estea tan especializada como no peso por non adestralo. O certo é que é algo que teño un pouco apartado, e non teño en mente preparalo.

—Cal é o seu obxectivo de cara á nova tempada atlética? Tóquio 2020?

Queremos estar nos Xogos Olímpicos, pero tal e como está o calendario... tan feito un Cristo... de verdade que agora non sei que temos o ano que vén. Penso que hai Europeo de pista cuberto e unha Copa de Europa de Lanzamentos de Inverno. Obviamente interesa loitar por acudir a todo, pero o foco da tempada é Toquio, así que intentarei facelo o mellor que poida nos campionatos de España e nesoutros torneos internacionais, pero sempre centrada no obxectivo dos Xogos.

—Que ten que facer para estar nos Xogos do ano que vén?

Actualmente, porque todo pode cambiar, hai que lanzar a marca mínima de 18,50 metros. E se non fas esa marca, podes entrar por ranking, que se elabora sobre as cinco mellores marcas de cada atleta, que puntúan distinto segundo a competición nas que se fixeron, e logo con elas trazan unha media, co que podes lanzar máis que unha rival pero facer a marca nunha competición peor e quedar por debaixo. É bastante lea, mais o obxectivo é estar entre as 32 primeiras.

Comentarios