Beiras reivindica ante as candidaturas de confluencia o carácter plurinacional do Estado

O líder de Anova participou nun mitin simultáneo con Pablo Iglesias, Ada Colau, Mónica Oltra e Vicky Rosell pola reforma da Constitución española.


O líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, mandou este domingo unha mensaxe ás forzas estatais para que recoñezan o carácter plurinacional do Estado español. Beiras destacou que as formacións que fan parte de En Marea asumiran “esta realidade” para dar resultado á candidatura. 

Foi durante o 'acto simultáneo' das candidaturas de confluencia nas que participa Podemos, organizado co obxectivo de debater a reforma da Constitución española. O líder de Anova conectou desde os almacéns Olmedo de Compostela, rodeado por decenas de persoas, e reivindicou Galiza como nación, primeiro en galego, para pasar despois ao castelán. 

“Unha articulación federal ou confederal non é separatista, máis ben os que nos negaban a nosa propia identidade estaban a separarnos do resto. Isto é o que queremos reivindicar pacífica e democraticamente”, asegurou Beiras, que apelou á historia do nacionalismo desde as Irmandades da Fala.

Os nacionalistas galegos sempre dixeron: 'non queremos romper nada; queremos estar nunha casa común onde se nos recoñeza a nosa identidade, non só lingüística ou cultural, senón política. Non hai que dar ningunha consigna previa, ten que ser 'O povo quem mais odena'”, afirmou segundo declaracións recollidas por Europa Press. 

Beiras insistiu en que “non será un comité de sabios quen lle vaia dicir a un pobo se é unha nación ou non” e chamou a “axustar o edificio institucional do poder político á realidade da sociedade”. Un discurso que foi aplaudido polos presentes nas catro cidades participantes. No acto tamén falaron Pablo Iglesias (Podemos), Ada Colau (Barcelona en Comú), Mónica Oltra (Compromís) e Vicky Rosell (Podemos).

Comentarios