Beijing ve a man dos EUA tras os masivos protestos de Hong Kong

A antiga colonia británica —a súa soberanía foi devolvida a China en 1997—vive esta segunda feira unha greve xeral. Beijing aparece desbordada pola intensidade dos protestos e algúns portavoces oficiais até insinúan unha hipotética intervención militar na illa. Estes acontecimentos sucédense nun contexto moi determinado, o recruamento da guerra comercial entre os EUA e a que xa é segunda potencia económica do planeta.
15455875715_6227210ce4_z
photo_camera Un aspecto das mobilizacións

Os protestos orixináronse pola oposición, moi estendida na sociedade hong-konesa, contra unha lei que permitía a extradición de persoas envolvidas en procesos xudiciais á China continental. Apenas serviu de nada que o proxecto fose aparcado pola xefa executiva do goberno da illa, Carrie Lam, pois as mobilizacións axiña gañaron outra dimensión, a dunha movimentación encamiñada a desafiar a autoridade de Beijing sobre este enclave do capitalismo transnacional no mar da China Meridional.

Así, após nove semanas consecutivas de enorme axitación nas rúas, chegamos á greve xeral desta segunda feira, que nas súas primeiras horas deu paralizado o transporte e a maior parte das conexións aéreas. A situación é de máxima tensión, coas forzas policiais a utilizar gases lacrimóxenos contra a multitude, organizada en barricadas. Miles de activistas están a despregar técnicas de guerrilla urbana e a cidade está virtualmente militarizada.

Para Beijing, o levantamento dun sector nada desprezábel da sociedade hongkonesa é obra dos EUA. Así o explicitou a semana pasada a portavoz do Ministerio de Asuntos Exteriores, Hua Chunying, quen declarou que Beijing nunca permitirá que "forzas estranxeiras" interfiran nos asuntos da illa. O certo é que a Administración Trump olla con simpatía as mobilizacións e que nas manifestacións teñen aparecido bandeiras estadunidenses.

Naturalmente, a Secretaría de Estado [Asuntos Exteriores] dos EUA nega as acusacións chinesas. "Non é críbel pensar que millóns de persoas están a ser manipuladas no momento en que se mobilizan por unha sociedade libre e aberta", afirma nun comunicado.

Comentarios