Opinión

Begoña Caamaño. Palabras como esporas

Cheguei á casa devagar, case sen saber onde ir pousando os pés. Había algo que facía forza desde o interior e non me permitía abrir a porta facilmente. As xanelas estaban abertas e tiña aos meus pés ducias de folletos. Festas no barrio de San Pedro, teatro na cidade, anuncios de concertos, romaría no Parque de Belvís... 

Cheguei á casa devagar, case sen saber onde ir pousando os pés. Había algo que facía forza desde o interior e non me permitía abrir a porta facilmente. As xanelas estaban abertas e tiña aos meus pés ducias de folletos. Festas no barrio de San Pedro, teatro na cidade, anuncios de concertos, romaría no Parque de Belvís... No medio destacaban varios xornais da Marcha Mundial das Mulleres na súa primeira etapa. A táboa reivindicativa da folga de mulleres! Recollín do chan os números de Ar, revista antimilitarista, e lembrei os anos da insubmisión. Detrás dun daqueles folletos anotacións para pór en funcionamento un sindicato de mulleres. Reunións polos pubs de Compostela. Recomendacións para a marcha a Bruxelas (Sol-, sol-, sol-, solidarité, avec les femmes du monde entier...).    

"Si, iso era, os libros da casa tornaranse lilás, un lilás intenso, que a min apenas me deixaba ver. Foi por iso que tardei en me decatar que nada ficaba xa no seu lugar".

Deime conta de que había algo estraño no ar. Pairaba no ambiente unha luz que me cegaba. Non sabía de onde viña, pois a pesar de ser un magnífico día de sol, Lourenzo resistíase a visitarme. Pouco a pouco notei que todos os volumes que andaban polos andeis, nas mesas e polo chan tiñan unha cor especial, diferente da habitual. Si, iso era, os libros da casa tornaranse lilás, un lilás intenso, que a min apenas me deixaba ver. Foi por iso que tardei en me decatar que nada ficaba xa no seu lugar. Os discos, esparexidos polos recunchos.   As novelas, desordenadas. Volumes deitados no chan no medio do cuarto, atravesados nas portas, nos corredores, fuxindo cara a algures... 

Seguín os seus pasos, pois no medio daquela desorde, reparei nun lugar especial. Alí estaba a inmensa maioría das palabras con que tantas persoas nos agasallan, alí, si, libros e libros amoreados antes do andel dedicado a Cunqueiro, xusto ao comezo da letra C. Descubrín que todos foran renderlle homenaxe á autora de Circe ou o pracer do azul e de Morgana en Esmelle. E mesmo observei como ían regresando para os seus lugares cun magnífico agasallo. Estamos no tempo dos cogomelos. Así como as persoas que os ben recollen deixan que solten as esporas para podermos ter novos froitos no futuro, así Circe e Morgana, convertidas en garrafas letradas decidiron liberar as súas palabras e depositar algunhas delas en cada un dos volumes que se lles achegaban. 

"Orfas Circe e Morgana, como hoxe todas as boas e xenerosas desta cultura que Bego tanto amou".

Cada libro, tanto tiña tema, autoría, época, xénero, levaba a súa nova presadiña de palabras para mesturar coas súas e compor novas obras, para ofrecer receitas saborosas tinguidas coas cores do arco da vella. Fixeime ben en que deitaran á mantenta bastantes máis parágrafos nos volumes feministas, cuxas ansias de continuar a obra fanada eran máis que evidentes. 

Detívenme na escena. Pasaran horas nun espazo que transcorreu en segundos. Agora xa, sen o poderen remediar, os meu volumes de Circe e o pracer do azul e Morgana en Esmelle estaban completamente en branco, no mesmo silencio en que ficara tamén a dona das súas palabras. Orfas Circe e Morgana, como hoxe todas as boas e xenerosas desta cultura que Bego tanto amou. Arroupadas todas nós coas palabras dos volumes que aínda fican nas bibliotecas, nas librarías, nas casas particulares, a agardaren o momento de se entrelazaren con tantas outras obras e persoas. Porque persoas e esporas conteñen as mesmas letras, andamos xa neste tempo a esparexer a riqueza do seu legado.

Comentarios