Begoña Caamaño, Álvarez Torneiro e Fernández Paz, nomes gañadores dos premios da AGE

A noite da edición xa ten trunfadores. No Auditorio do Mar de Vigo tivo lugar na noite desta sexta feira 15 de Marzo o acto público no que se deron a coñecer os nomes gañadores. Begoña Caamaño, Álvarez Torneiro e Fernández Paz foron tres dos trunfadores dos premios da Asociación Galega de Editores.
Begoña Caamaño
photo_camera Begoña Caamaño


“Morgana en Esmelle” (Galaxia), a celebrada segunda novela da escritora Begoña Caamaño, foi a trunfadora na categoría de mellor libro de ficción, mentres Manuel Álvarez Torneiro con “Os ángulos de brasa” (Factoría K) resultou recoñecido como mellor publicación no ano no xénero da poesía. En non ficción “O rastro que deixamos” (Xerais), de Agustín Fernández Paz, un volume de memorias e pensamentos, foi o libro seleccionado dos editados no pasado ano. Outro título deste autor aparece tamén na listaxe de premiados, neste caso na sección de novela gráfica na que se recoñeceu o traballo de A. Seijas ao converter “Cartas de inverno” (Xerais) nunha novela gráfica que mereceu o premio Isaac Díaz Pardo como mellor libro ilustrado.

O xurado considerou que a tradución de Isaac Xubín “Alén das fronteiras. Sete poetas vascos” (Factoría K) era merecedora do premio Lois Tobío, entregado no día despois de se cumprir o décimo aniversario da morte do galeguista, escritor e traductor.

Canto ás publicacións para público infantil, “O corazón de Xúpiter” (Xerais) de Ledicia Costas foi o título seleccionado nunha edición na que “Peixes. Cociña Infantil” (Ouvirmos) foi o título escollido na calidade de mellor libro educativo, premio Xosefa Iglesias Vilarelle.

A produción audiovisual da editorial OQO resultou gañadora do premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial.

Comentarios