Opinión

Beatificación

Hai procesos que sempre me deixan estupefacta. Un deles ten que ver coas reaccións ante a morte de homes que, exclusivamente, tiveron como mérito ser bos no súa profesión. Fáltame ver a xente saír á rúa en masa cando morre unha científica, unha enxeñeira, unha médica, unha caixeira de supermercado. Hai moitas e moi boas nas súas respectivas profesións. Incluso, se queremos mirar para os sectores que máis furor causan, no deporte e na música. Aínda por riba elas, ademais de ser boas no seu, con case total certeza non violaron menores, bateron nas súas parellas nin mercaron corpos alleos.

E, para que se entenda, non me abraia que a xente sinta a morte dun ídolo ou celebre o que esta persoa fixo que gozasen en vida, mais eliminar do debate os aspectos rexeitables o único que fai é empezar procesos de beatificación que seguen sustentando a violencia contra as mulleres cada día.

Pois neste caso non só falamos dun futbolista que morreu o día 25 de novembro e que de inmediato valeu a súa morte máis que a de miles de mulleres que son asasinadas en todo o mundo. Falamos de todos os que pretenden facer del o que non é: alguén a quen admirar. E aí o problema faise máis grave porque, co paso do tempo, sabemos que son as voces deles as que perduran, que se nos fará crer que o pobriño era un machista e un violento porque todos os homes na súa época o eran. Ignoraranse que no momento en que viviu este señor había simultaneamente moitas mulleres e homes traballando no sentido contrario.

Na beatificación, os que perduran son eles. Os que perpetúan o ciclo son eles. Curiosamente, ás mulleres nada se nos perdoa, mesmo cando tomamos decisións que non nos dan poder senón que, simplemente nos salvan a vida, nunca somos suficiente para a admiración pública. Sempre haberá algún que veña a apoñerlle a Xulia Minguillón que estaba casada cun de dereitas (coma se as ideas políticas das mulleres as collesen dos seus maridos por osmose), mais sen apoñerlle nada a Cunqueiro ou a Filgueira Valverde. Eles, xenios. Elas, unhas coidadas sempre defectuosas.

E, o máis grave de todo é que en todo este circo ninguén pensa nas vítimas. Naquelas que quedaron na sombra, desfeitas. Aquelas ás que ninguén xustifica nin ampara e que teñen que ver como a súa dor é ignorada unha vez máis e o agresor venerado en loor de multitudes. Aquelas que ninguén canonizará pero que martirio levaron ben máis ca os celebrados defuntos.

Comentarios