Opinión

Bea Mato e o portalón xiratorio de Feixóo

O pasado 10 de febreiro, canda o anuncio do adianto eleitorial, facíase pública a fichaxe da ex conselleira Beatriz Mato pola empresa Greenalia, unha das xigantes do lobby enerxético-forestal galego. Na práctica, o mesmo que se ficha por ENCE, pois trátase de empresas que realizan o mesmo tipo de actividades extractivas e depredadoras. Iso si, convenientemente maquilladas coa abundante cosmética do “capitalismo verde”.

Con esta decisión pónselle o ramo ao trato de favor da Xunta a Greenalia, no que a consellaría de medio ambiente dirixida por Beatriz Mato tivo un papel estelar. O primeiro chanzo púxose en decembro de 2016 modificando pola porta de atrás (vía lei de acompañamento dos orzamentos), o decreto de 2008 que limitaba a potencia das plantas de produción de enerxía a partir de biomasa a 10 MW, elevando o límite a 50 MW. Unha decisión que tiña como obxectivo principal legalizar a planta que esta empresa promovía en Teixeiro (Curtis), e tamén a impulsada por ENCE, e que viña acompañada doutras modificacións en materia de política forestal e usos do solo para ofrecer unha auténtica barra libre aos cultivos enerxéticos, que se verificou coa expansión de plantacións de eucaliptus nitens nos últimos anos.

No ano 2017, a consellaría de medio ambiente dirixida por Bea Mato adoptou decisións transcendentais para achandar o camiño á planta de Greenalia en Curtis: primeiro a aprobación da Autorización Ambiental Integrada e máis tarde o informe de impacto ambiental. E os departamentos de Industria e Medio Ambiente tamén facilitaron a tramitación dos parques eólicos de Greenalia en Coristanco, Santa Comba e Carballo, obviando a fraude de lei da fragmentación ou despece en tres dun único proxecto que comparte infraestruturas e liña de evacuación. E se non abondase, o departamento responsábel da protección do medio mirou para outro lado no referente á afectación deste parque ao humidal protexido da lagoa de Alcaián.

Segundo anunciou a Greenalia, a ex conselleira Beatriz Mato encargarase do departamento de Responsabilidade Social Corporativa e da Fundación Greenalia. É dicir, será a responsábel do “lavado en verde” da empresa e dunha actividade como a produción de enerxía a partir de biomasa moi cuestionada polo seu impacto no territorio e no clima. No territorio porque ao non dispoñer de material suficiente de cortas forestais vai ter que queimar grandes cantidades de árbores procedentes de cultivos enerxéticos. No clima porque, debido ao baixo poder calorífico da biomasa, a planta queimará tamén combustibeis fósiles e emitirá toneladas de gases de efecto invernadoiro. Un tipo de actividade que non cumpre os requisitos da economía circular e do desenvolvemento sustentábel ao plantar árbores para queimar, depender de custosos e contaminantes transportes por estrada, e ofrecer un negativo balance de carbono.

A operación de porta xiratoria desde o Consello da Xunta -previo paso intermedio pola corporación municipal da Coruña- a unha empresa sobre a que a súa consellaría tomou decisións transcendentais é absolutamente cuestionábel no que ten que ver co cumprimento da normativa sobre incompatibilidades. Mais é sobre todo impresentábel desde o punto de vista da ética e da integridade. E pon baixo sospeita a relación do goberno Xunta coa empresa Greenalia. Son as cousas da “economía circular” do PP, dos portalóns xiratorios de Feixóo.

Comentarios