O BBVA pagou 500.000 euros anuais a Villarejo para espiar

Segundo o auto da Audiencia Nacional o BBVA e o ex comisario Villarejo tiñan un trato económico co obxectivo de destruír a reputación de Luis Pineda, quen ao seu tempo tamén está a ser xulgado por un caso de extorsión a entidades bancarias.
O auto revela que o BBBVA contratou o ex comisario Villarejo.
photo_camera O auto revela que o BBBVA contratou o ex comisario Villarejo.

Proxecto Pin, titulou o ex comisario José Manuel Villarejo a operación na que se espiou Luis Pineda, presidente da asociación de usuarios de banca Ausbanc, a cambio de recibir da entidade bancaria BBVA medio millón de euros anuais nun período comprendido entre os anos 2012 e 2014, cando Villarejo era policía en activo.

Así o revela o auto do xuíz da Audiencia Nacional Manuel García Castelló de decembro de 2018 que obra no sumario desta peza do caso, ao que tivo acceso parcial no día de onte a axencia Europa Press. 

O obxectivo do trato económico entre o BBVA e o ex comisario Villarejo tiña como obxectivo destruír a reputación de Luis Pineda, quen ao seu tempo tamén está sendo xulgado pola Audiencia Nacional por un caso de extorsión a entidades bancarias, entre as cales se atopa o propio BBVA. A Fiscalía acusa Pineda de ameazar bancos con pór en marcha campañas de publicidade para desprestixialos de non accederen ás súas exixencias económicas. 

O auto deste caso apunta a que a actividade de Villarejo en relación co BBVA implica "unha inxerencia nos dereitos fundamentais" dos rivais do banco e que os actos do comisario poderían ser constitutivos de "delito de suborno pasivo" e "dunha reiterada inxerencia nos dereitos fundamentais das persoas".

Villarejo atópase encarcerado provisionalmente e está acusado de ser o líder dunha organización criminal que embolsaba grandes cantidades de euros a cambio de vender informes secretos que realizaba como policía en activo. Do marco da investigación da "brigada política", conformada polo propio Villarejo e outros altos cargos policiais en activo, coñeceuse onte que cobraran até 500.000 euros (supostamente de fondos públicos reservados para terrorismo e narcotráfico) para espiar e destruír probas que inculpasen o PP na causa do seu financiamento en b, tal e como transcendeu no día de onte.

Comentarios