BBVA calcula que a Covid-19 destruirá preto de 20.000 postos de traballo na Galiza

O informe 'Situación Galicia' de BBVA Research anticipa que a recuperación da situación previa á Covid-19 non se producirá até o primeiro semestre de 2022 e estará condicionada á evolución da pandemia, mais tamén á xestión dos fondos da Unión Europea para a transformación da economía do país. 
O Xacobeo non servirá de revulsivo para a economía galega (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera O Xacobeo non servirá de revulsivo para a economía galega (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Galiza perderá preto de 20.000 empregos como consecuencia da Covid-19, co que a taxa de paro podería medrar até 14% no bienio 2020-2021. Así se desprende do último informe Situación Galicia elaborado por BBVA Research e presentado hoxe polo seu economista xefe, Miguel Cardoso, e a directora territorial noroeste de BBVA, Marta Alonso, un documento que contempla, entre outras previsións, unha caída da economía galega de 10,4% en 2020 e un crecemento da mesma de 6,2% en 2021, co que a recuperación quedaría para o primeiro semestre de 2022, segundo os seus cálculos. 

As medidas de confinamento, as restricións sobre a demanda interna, a redución intensa do gasto en bens e servizos producidos internamente, as dificultades do sector exportador e industrial e a desaceleración en Europa están detrás desa "forte contracción" da economía galega, aínda que eses riscos poden marcar un rumbo á baixa das predicións en función de como evolucione a pandemia, apuntou Cardoso nunha rolda de prensa telemática. Entre os factores que poden influír nesa corrección á baixa destaca a vacina da Covid-19 e o emprego que se faga das axudas do programa europeo Next Generation.

Distinta afección

O informe de BBVA Research destaca a hostalaría como un dos sectores máis castigados por esta crise. Non obstante, matiza que esta ten un menor peso relativo na Galiza en comparación con outros territorios do Estado español, xusto o contrario do que acontece coa industria, penalizada no emprego polo feito de non poder facer uso do teletraballo.

Tamén sinala o estudo que o reparto das cargas non é homoxéneo. Desde o punto de vista territorial, segundo os datos dispoñíbeis, Compostela e Ferrol pagan máis as consecuencias da Covid-19 na actividade que o resto de cidades, dada a súa dependencia de sectores como a hostalaría e o turismo de peregrinación.

Os datos poderían ser moito peores de non ser por medidas como os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) que, como explica Cardoso, conseguiron rachar coa relación que cifraba nun punto a destrución de emprego por cada punto de caída do PIB. Cos ERTE, pese a un esborralle do PIB próximo a 20%, logrouse manter a destrución de emprego en 4,5%. Destaca así mesmo o papel dos préstamos avalados polo ICO, que, ao contrario do acontecido na crise de 2008, sitúan o sector bancario "como parte da solución e non do problema", resalta o responsábel do BBVA Research. 

Elevada incerteza

En relación aos recentes gromos e ás medidas restritivas adoptadas nas últimas semanas, BBVA Research indica que a expectativa de recuperación se "modera" para os próximos trimestres, tanto na Galiza como no Estado español, pola "incerteza elevada", que vén acompañada dunha "perda de dinamismo" en todos os sectores desde o pasado outubro. 

Esa desaceleración esperada da economía, advirten, "podería afectar a bens estratéxicos" para a economía galega, debido a que a Eurozona é un dos principais destinos das exportacións galegas (62% do total). Con todo, desde xuño a evolución das exportacións foi algo máis favorábel que no conxunto do Estado, apoiada pola "forte recuperación" do sector do automóbil, o que axudou a un aumento da produción industrial no terceiro trimestre.

"Os datos dispoñíbeis apuntan a que a actividade industrial na Galiza estaría aínda 8 puntos porcentuais por baixo do nivel precovid", apunta BBVA.

Sen apoio do Xacobeo

A situación futura da economía galega non está exenta de riscos. O máis importante para as persoas expertas é a evolución da pandemia e o deterioro "relativamente importante" do gasto desde mediados de outubro. 

Tamén está o futuro da automoción, que afronta "unha restruturación importante". Nesta liña, Cardoso lembra que antes da pandemia era xa un sector "en transición", polo que é difícil saber como se vai comportar, aínda que prevé "caídas" nos próximos meses.

Por último, a fin das moratorias, que incidirán nun deterioro da taxa de impagamentos e na destrución de empresas nos vindeiros meses.

O Xacobeo non será desta vez o salvador, como agardaba a Xunta. Neste senso, desde BBVA Research sinalan que non terá "un impacto significativo", como en ocasións anteriores, nas que mesmo achegou un punto ao crecemento do PIB. O cambio de hábitos e as restricións á mobilidade condicionarán a chegada de turismo estranxeiro.

Comentarios