Imprimir

Outro Bautista Álvarez por recuperar

Cilia Torna | 16 de setembro de 2020

Bautista Álvarez, no centro, á súa dereita Juan Soto e a súa esquerda María Rábago e Raimundo Patiño, compañeiros de loita clandestina en Madrid, en Madrid, o 11 de maio de 1966. (Foto: Arquivo da Fundación Terra e Tempo)
Bautista Álvarez, no centro, á súa dereita Juan Soto e a súa esquerda María Rábago e Raimundo Patiño, compañeiros de loita clandestina en Madrid, en Madrid, o 11 de maio de 1966. (Foto: Arquivo da Fundación Terra e Tempo)

O 16 de setembro de 2017 falecía Bautista Álvarez. Tres anos despois da súa morte volvemos sobre súa figura para recuperar a súa militancia política durante a ditadura e para reivindicar o patrimonio acumulado polo nacionalismo nos últimos anos do franquismo.

O imprescindíbel filme de Alberte Mera Reboiras, acción e corazón introdúcenos de cheo na loita do nacionalismo galego durante o réxime franquista. A maiores de divulgar, explicar e analizar a figura dun dos cadros políticos máis relevantes daquel tempo, o membro do Comité Executivo da Unión do Povo Galego (UPG), Xosé Ramón Reboiras Noia, o traballo mergúllanos nos esforzos dunha xeración comprometida en erguer un forte movemento nacionalista nas duras condicións da clandestinidade impostas pola ditadura. A vontade e o esforzo da mesma chega até hoxe na forma de organizacións políticas, sindicais ou culturais pero tamén nun corpo ideolóxico que segue informando nos aspectos chaves da alternativa estratéxica das forzas nacionalistas.

A memoria clandestina da loita nacionalista nas décadas finais do franquismo está ameazada de morte. Se non se remedia con urxencia nun prazo de poucos anos, acontecerá coa mesma algo semellante ao sucedido no pasado coa historia da primeira represión fascista ou da resistencia á ditadura nos anos 40 ou 50. A clandestinidade  deixa poucas pegadas na documentación escrita e as súas principais actas fican na lembranza dos protagonistas. A memoria deste tempo debe ser preservada como unha parte da historia da Galiza, como un recoñecemento da contribución do país á loita pola democracia e como un patrimonio político disposto a ofrecer explicacións e alternativas.

Bautista Álvarez comeza na vida política galega en tempos de clandestinidade. Como se ten analizado en repetidas ocasións, define un estilo de facer política e un modelo de militancia que non se explica sen ter en conta as circunstancias extremas nas que desenvolve o seu labor. Ao tempo constrúe identidades e presenta mudanzas en función das diversas correntes ideolóxicas, significando para o caso do nacionalismo galego unhas particularidades condicionadas polos seus obxectivos políticos. A este respecto, Bautista Álvarez salientou que “os nacionalistas galegos tiñamos claro que a nosa loita non remataba coa caída do franquismo, cuxo modelo de Estado unitario partillaba parte da oposición democrática, senón que implicaba un novo marco xurídico político que garantise unha Galiza soberana”.

A primeira clandestinidade

A actuación política máis descoñecida de Bautista Álvarez desenvólvese durante o franquismo. A primeira parte desta lévase adiante entre finais dos anos 50 e 1971, coincidindo, ao tempo, coa participación na editorial e colectivo cultural Brais Pinto,  coa redacción do manifesto Pola Unión do Pobo Galego en 1963, coa incorporación ao Consello da Mocidade, organización unitaria galeguista de efémera vida e coa fundación en 1964 da UPG. A partir de aí, atopámolo na dirección do Seminario de Cultura Galega do Club de Amigos da Unesco en Madrid, nos órganos de dirección da UPG, no impulso á celebración ao primeiro Día da Patria Galega en 1968 ou no cárcere, con motivo do estado de excepción de 1969.

Bautista Álvarez retorna á Galiza en 1973. Se dous anos antes, a finais de 1971, preside no local da Agrupación Cultural de Vigo un plenario clandestino da UPG, onde se integra na dirección do partido unha nova xeración de militantes da que fai parte Xosé Ramón Reboiras, no marco da exclusión dun sector que tenta incorporar a organización a unha forza de obediencia estatal, á volta de 1973 atópase participando da loita política na comarca de Vigo. Así, ocupa a Presidencia da Agrupación Cultural de Vigo entre 1975 e 1977 coincidindo cun tempo de grande actividade, onde a entidade é un dos núcleos da actividade clandestina do nacionalismo.

A Asemblea Nacional Popular Galega (ANPG) centra o traballo político de Bautista Álvarez entre 1975 e 1977. Neste sentido, participa da dirección da organización desde a súa fundación na primavera de 1975, asumindo as máis importantes responsabilidades até outono de 1977, cando renuncia ás mesmas tras ser elixido presidente da UPG. Asemade, actúa como contacto do interior diante da Delegación do Exterior da UPG dirixida en Porto por Margarita Ledo, realizando diversos traballos de apoio ás diversas frontes de loita, entre eles ao operativo deste partido dirixido por Xosé Ramón Reboiras Noia.

A idílica Transición

A persecución para os nacionalistas non remata coa morte de Franco. Bautista Álvarez é detido, torturado e sancionado en diversas ocasións ao longo de 1976 e 1977. A idílica Transición da que fala Martín Villa acaba para Álvarez coa súa expulsión do Parlamento da Galiza en 1982 por negarse a acatar a Constitución Española.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/memoria/bautista-alvarez-recuperar/20200915192558105040.html


© 2020 Nós Diario