Bautista Álvarez, no comezo de todo

Co gallo do segundo cabodano do falecemento de Bautista ´lvarez, Cilia Torna rastrexa o seu papel os episodios iniciais do capitulo contemporáneo do nacionalismo galego.
BAUTISTA ALVAREZ

Cando os primeiros chegaron a casa do nacionalismo xa estaba alí Bautista Álvarez cun Ducados na boca para darlles a benvida. A súa militancia política de máis de sesenta anos permítenos reconstruír a loita dos nacionalistas galegos a cabalo entre os séculos XX e XXI. Aproveitamos o segundo aniversario da súa morte para rastrear o seu papel os episodios iniciais do capitulo contemporáneo do nacionalismo galego.

Brais Pinto

Caracteriza a vontade por galeguizar o país dun grupo de mozos nacidos á vida pública na década dos cincuenta. A aparición do grupo Brais Pinto á volta de 1958, arredor dun grupo de traballadores e estudantes galegos emigrados en Madrid, respondeu a vontade de darlle continuidade ao legado do nacionalismo formulado por Daniel Castelao. O colectivo, formado por persoas que rematarán por acadar co tempo un destacado relevo na vida política, social e cultural galega, rematou por centrar a súa actividade na produción editorial poética e a celebración de actos culturais.

A publicación de Bocarribeira, un libro de versos da autoría  de Ramón Otero Pedraio, iniciaría a colección literaria de Brais Pinto, na que se darán a coñecer como escritores Bernardino Graña, Raimundo Patiño, Ramón Lourenzo, Alexandre Cribeiro ou Fernández Ferreiro. As homenaxe a Ramón Cabanillas, Luís Pimentel e particularmente a Rosalía de Castro remataría por marcar a traxectoria do colectivo. Será precisamente no marco deste último acto, onde se contou coa presenta de Otero Pedraio, cando Manuel Fraga afirme que “desde o trunfo do Caudillo na Galiza xa non hai viúvas de vivos”, provocando unha protesta dos membros Brais Pinto, que patearon na sala espoleados por Bautista Álvarez durante a intervención do ministro franquista e posteriormente abandonaron o recinto.

O Consello da Mocidade

Simboliza o esforzo dunha xeración galega que recuperou o proxecto político de Daniel Castelao e do Partido Galeguista. A decisión de Ramón Piñeiro e dunha parte dos dirixentes das Mocidades Galeguistas do período republicano de articular un proxecto político e cultural sobre unhas bases ideolóxicas diferentes ás do nacionalismo, non tardaría en ser contestado por un núcleo de mozos. Neste contexto debemos situar a elaboración en novembro de 1963 dun documento titulado  Pola Unión do Pobo Galego da autoría de Raimundo Patiño, Xosé Antonio Arxona e Bautista Álvarez, onde se formula a necesidade dunha ferramenta para loitar pola soberanía da Galiza.

A expresión organizativa dese proxecto político será o Consello da Mocidade. A plataforma, nacida coa vontade de aglutinar nunha estrutura unitaria a toda a mocidade de práctica patriótica, xurdiu dun importante traballo previo, onde destacou a labor de Antón Moreda, importante dirixente das Mocidades Galeguistas en Bos Aires, que sería elixido secretario xeral da entidade. A existencia do Consello da Mocidade alongaríase desde novembro de 1963 até marzo de 1964, momento no que a maioría da organización, atendendo as orientacións  de Ramón Piñeiro, procedeu a expulsión do sector caracterizado como comunista, onde se integraban, entre outros, Antón Moreda, Xosé Luís Méndez Ferrín, Raimundo Patiño, Xosé Antonio Arxona, María Xosé Queizán, Saleta Goi, Luís González Blasco, Manuel María e o propio Bautista Álvarez

A Unión do Povo Galego

Significa a decisión de restaurar unha práctica ideolóxica e organizativa en plena ditadura franquista co obxectivo de loitar pola soberanía da Galiza. As diverxencias de fondo entre os dous sectores enfrontados no Consello, a imposibilidade de atopar puntos de acordo, de xeito xa definitivo tras unha xuntanza celebrada en Madrid en marzo de 1964 entre Ramón Piñeiro, Domingo García Sabell, Xosé Antonio Arxona e Bautista Álvarez e os propios termos da ruptura, convenceron ao sector depurado do Consello da necesidade de recuperar o proxecto xa enunciado no documento titulado  Pola Unión do Pobo Galego.

A comezos de xuño de 1964, aproveitando a presenza na capital do Estado de Xosé Luís Méndez Ferrín con motivo das súas oposicións a cátedra, procedeuse a dar nome, forma e programa a Unión do Povo Galego, nunhas xuntanzas onde participaron o propio Méndez Ferrín, Raimundo Patiño, María Xosé Queizán, Xosé Antonio Arxona e Bautista Álvarez. Unhas semanas máis tarde, concretamente o Día da Patria Galega, nunha xuntanza celebrada nun merendeiro do barrio compostelán da Rocha, acórdase formalizar a proposta adoptada en Madrid de constituír unha organización política nacionalista.

O trIunfo da constancia.

Bautista  Álvarez exemplifica  a  constancia e a fidelidade a unha causa. A súa participación en todo o proceso de arranque e conformación do capítulo contemporáneo do nacionalismo galego, continuou cunha militancia continuada  de practicamente seis décadas, ocupando boa parte dela responsabilidades de dirección en diversas organizacións políticas, culturais ou de masas. A carón do seu activismo social e dentro do seu labor militante desenvolveu un inxente traballo teórico, parte do cal foi recollido en tres volumes pola Fundación Terra e Tempo nunha edición a cargo de María Pilar García Negro. Estamos, logo, diante dunha militancia sen concesións, entendida como un servizo ao pobo que non sabe de continxencias nin ciclos vitais.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios