A flota cefalopodeira da China pesca en Mauritania o polbo que "non hai" para Galiza

CIG-Mar achega unha escolma de imaxes onde se ve a flota cefalopodeira chinesa a faenar no caladoiro deste país africano e recortes da imprensa mauritana en que se informa dos novos acordos pesqueiros asinados coa China

photo_camera [Imaxes: CIG-Mar]


Unha batería de imaxes que retratan barcos cefalopodeiros da China faenando en Mauritania servíu á CIG-Mar para confirmar que a expulsión da flota galga desas mesmas augas "non foi por un problema de esgotamento de recursos".

Así o sinalou o responsábel deste sector na central nacionalista, Xabier Aboi, quen informou de que foi o propio Goberno español quen lle confirmou, a través da secretaría xeral de Pesca, que efectivamente os barcos chicos que andan ao polbo volven faenar no caladoiro deste país africano. 

Anunciou que "presionaremos" @s eurodeputad@s que non voten a favor dun acordo pesqueiro que permita o retorno da flota cefalopodeira galega ás augas mauritanas: "non se entenran de nada e non moven un dedo para se reuniren co goberno mauritano porque teñen que lle pedir permiso a Madrid", censurou Aboi.

En rolda de imprensa, Aboi achegou un artigo publicado na imprensa mauritana en que se dá conta dos novos acordos asinados entre Mauritania e China, e preguntouse que fai alí a flota chinesa "se non hai polbo, como nos din". Fronte a este argumento, o secretario xeral da CIG-Mar citou máis unha vez o informe do Instituto oceanográfico español onde se dispón que a cota de pesca "podería até duplicarse", pasando de 30 a 60 mil toneladas anuais.

Aliás, reclamou para as embarcacións chinesas os mesmos requisitos que se lle impuñan ás galegas, como que o 60% da tripulación sexa mauritana e realizar investimentos en terra, aspectos que China "non está a cumprir, por non falar dos barcos-chatarra que faenan nesas augas". 

Deixando claro que Galiza non pon en cuestión a soberanía de Mauritania sobre as súas augas, Aboi reclamou que "se lles sobra unha pesqueiría pola que a Unión Europea pagou 70 millóns, que polo menos se faga uso dela".

Por derradeiro, chamou a atención tamén sobre a recente incautación nun barco chino de grandes cantidades de aves conxeladas destinadas ao consumo humano.

Concretamente trátase de mascatos, unha ave protexida en Europa e que se etiqueta como peixe para que non sexa requisada nos controis. A información aparece tamén na imprensa mauritana, que fala de 20 colectores con 95.000 exemplares de dous quilos de peso. 

Comentarios