Opinión

A Barcelona dos incendios e das barricadas

A historia daquela reducida Barcelona de entre murallas, acuñou desde o século XIV até hoxe non poucos conatos de revolta que forneceron moitas páxinas dese longo memorando de mortes, incendios e barricadas. Dicía ao respecto Federico Engels: “Barcelona ten no seu haber histórico máis combates de barricadas que ningunha outra cidade do mundo”. E tamén o confirmou George Orwell: “Barcelona é unha cidade cunha ampla historia de algarabías nas rúas”. Basta contemplar ese longo inventario de revoltas e actos revolucionarios, cuxa arma mais letal contra o inimigo eran os incendios.

Un dos primeiros que se rexistran aconteceu en 1379, naquela primeira persecución contra os xudeus, que os acusaron de queimar as estadas de madeira que sostiñan un dos arcos da basílica de Santa María del Mar, en súa última fase de construción. Isto serviu para incendiar o barrio xudeu do Call barcelonés en 1391. Data clave para perseguir á numerosa comunidade xudía. Hai historiadores que confirman que o incendio das estadas foi obra do propio clero para culpar e alentar a persecución do outro, do diferente. En xuño de 1640 no famoso “Corpus de Sang”, os segadores do rural entran en defensa de Barcelona das institucións de Cataluña, coa falç (fouce) ergueita e co certeiro cop (golpe), dos “Defensors de la terra!”. Velaquí as falçs e cops que recolle o himno nacional de Cataluña. Nesta ocasión quéimanse casas oficiais da clase política e prodúcense moitas mortes.

En 1705, na guerra de sucesións, hai unha sabotaxe por parte dos infiltrados borbónicos que queiman casas dos partidarios do Arquiduque. O dez e o once de setembro de 1714, as tropas de Felipe V incendian a cidade e son asasinados oito mil cataláns, defensores de Barcelona.

Coa Desamortización de Mendizabal, en 1835, prodúcense en Barcelona a queima de conventos. Naquelas chamadas “bullangues” (tumultos) intervén unha forza en formación, o incipiente proletariado, que aparece formando barricadas, que viñeron a ser un elemento clave para fortalecer os incendios tradicionais, que tiveron unha repercusión nos barrios obreiros de Barcelona. Neste tumultos incendian a fábrica de Vapor Capdevila, e a de Bonaplata. En 1861 incendian o Liceu, un dos espazos onde se reunía a burguesía, non só para desfrutar da ópera senón tamén para facer negocio mercantil.

A partir de 1868 o anarquismo toma corpo e carácter revolucionario, organizado en Barcelona polo anarquista italiano, Giuseppe Fanelli. O proletariado barcelonés asiste, neste ano, ao derrocamento de Isabel II que arrastran o seu busto polas rúas. As barricadas incendiarias son persistentes, tomando un carácter revolucionario con tácticas que superan ao tradicional asalto por sorpresa. A estratexia de vangarda e combate foi cada vez mais perfecta e contundente. En 1875 poñen lume ao Palau Reial de Barcelona. En 1893 rebentan de novo o Liceu con dúas bombas, nun acto musical repleto de burgueses no que morren varias persoas. En 1896, outra bomba é lanzada a procesión de Corpus.

Nas folgas de 1902, o lume, as barricadas e as armas de fogo conforman unha das frontes de ataque permanente contra os intereses da burguesía industrial e mercantil, que estaba nun auxe de gran fortaleza como se mostra na construción do Eixample, símbolo da opulencia capitalista barcelonesa. En 1909, o proletariado e a gran maioría do pobo mais empobrecido, négase a enviar os seus fillos á guerra de Melilla. Xurde a coñecida Semana Tráxica, que comezou o 26 de xullo e concluíu o 2 de agosto. As mobilizacións da CNT, en guerra aberta contra os intereses da burguesía e contra o clero que desde o púlpito chamaba a ir á esa guerra. A queima de conventos e igrexas e a toma da cidade pola acción cenetista foi considerada como unha contundente estratexia que confirmaba a aparición de estratexias de guerrillas urbanas. No inicio da guerra civil persistiron os incendios e o dominio anarquista que fixo fracasar o golpe de Estado en Barcelona. É verdade que o franquismo liquidou fisicamente a milleiros de anarquistas, mais non acabou con aquelas tácticas guerrilleiras en que os incendios continuaban sendo protagonistas dunha maneira minoritaria, mais insistentemente contundentes e programadas desde 1955 até a morte do ditador. A espontaneidade e a improvisación deses focos incendiarios persistiron en Barcelona no último lustro da ditadura. O “Proceso de Burgos”, aquel sumarísimo consello de guerra contra activistas vascos, accionou un sen fin de focos insurxentes na Barcelona proletaria, dos sindicatos e do PSUC clandestino e de importantes escollos daquel anarquismo que tiña lonxincuos respiros do que fora aquel amplo espazo revolucionario da CNT barcelonesa.

Neses anos existía un afán de blindarse con barricadas esporádicas, e corrían de mao en mao manuais moi simplistas de como evadir certos imprevistos e improvisar fórmulas de despiste en caso de detención. Naquel entón en Barcelona, había libreiros que coñecían moi ben o respiro ideolóxico da súa clientela e dispoñían dunha serie de libros clandestinos procedentes de Francia, México, Cuba, Arxentina e da URSS. Aquela literatura clandestina e de acción era numerosa, só citarei seis libros dos mais usados polos activistas de esquerda e nacionalistas: Lo que todo revolucionario debe saber sobre la represión, do ruso Victor Sergue, un libro moi completo mais estaba dirixido aos bolcheviques na loita contra o zar, por tanto era algo superado no contexto antifranquista. Armas de la guerrilla, un manual de sabotaxe, de Jean Louis Brau. La guerra de la pulga, de Robert Taber, de tácticas empregadas no mundo da guerrilla; trata de como executar unha acción e esconderse e realizar outra nun espazo distinto, onde non se esperaba a pulga. Estas eran as fórmulas utilizadas pola fronte de resistencia do Vietcong. Guerra del pueblo, ejército del pueblo do xeneral Giap o estratega que gañou a guerra do Vietnam. Este libro tiña un prólogo de Che Guevara. La guerra de guerrillas, do Che. Antología de la violencia, de varios autores que recolleron diversos contextos da actividade insurxente en todo o mundo. Acción libertadora, de Carlos Marighela, un libro de tácticas de guerrilla urbana empregada no Brasil, contra a ditadura militar. Esta literatura asistiu a moitos lectores comprometidos coa liberdade que manifestaban naqueles accións. Eran uns libros moi específicos, moi lonxe do panfleto habitual da época.

Esta crónica, sobre os incendios que protagonizaron os motíns, revoltas e revolucións que existiron en diversas épocas en Barcelona e outras poboacións catalás, non pode ser interpretada como unha xustificación dos incendios e das desfeitas do mobiliario urbano e certos riscos contra a integridade física das persoas. O espírito pacifista que ten mostrado o nacionalismo catalán en moi diversas e numerosas concentracións, non é mais que a practica que caracteriza á sociedade catalá. Estes días mostráronse dúas versións opostas de manifestacións, a mais numerosa foi a que procedía de diversas xeografías de Cataluña, que chegou a Barcelona camiñando, para solidarizarse cos presos políticos. Reitero, presos políticos! O pacifismo que manifestou a cidadanía na praza de Urquinaona foi un grato expoñente de temperar a normalidade pacífica. Os que optaron pola segunda versión, en son de guerrilla urbana e dunha maneira indiscriminada, pouco aportan á solidariedade dos presos, cando estes manifestaron en voz alta que cesaran os actos violentos. O mal de estes feitos é cando os seus actores atribúense prerrogativas que ninguén lles outorgou. Neste fraude de responsabilidade é necesario pensar que a liberdade de todos non é patrimonio de ninguén para que podan vulnerala. Cando se anula a palabra, a mais belixerante e revolucionaria, e non se domina a testosterona, un precisa de mudar de certa perversidade emocional. En toda manifestación sempre fixo acomodo a quenda dos depredadores. Sobre eses infiltrados, Gabriel Rufián confirmou: “Els feixistes també portam la senyera estelada...” Pese a todo, Cataluña continúa camiñando polas corredoiras identitarias, como din os versos de Àngel Guimerà: “Som i serem gent catalana / tant si es vol com si no es vol”.

Comentarios