Opinión

Barcelona atlántica

Hai uns meses coa banda Xangai tocamos con Pucho Boedo. Ben, cunha grande estatua do crooner que situou no escenario o escultor Anxo Baranga. En Barcelona tiña que ser. Na megalópole do Mediterráneo medra dende sempre a cultura galega. Falo de Basilio Losada, falo das noites que Miro Casabella compartiu en La Cova del Drac –tempo da Nova Cançó– con Lluís Llach e María del Mar Bonet. E falo, sobre todo, da xente traballadora.

Os outeiros de Nou Barris foron construídos pola emigración galega e andaluza. Velaí un produto típico da Barcelona atlántica: Susana Seivane. O pai de Meira, a nai de Sorihuela del Guadalimar, provincia de Xaén. Conta a gaiteira que pola festa algunha vez lle ten tocado á nai unha peza da Pantoja.

Escoiteino no Incio. A un señor maior entroulle a morriña do seu fillo. Só sabía que vivía en Barcelona e que tiña un bar. Colleu o tren en Monforte. Conforme chegou a estación de Sants, díxolle ao taxista (por suposto, era galego): Lévame ao bar do meu fillo. E levouno. Atención ao detalle! O bar non estaba en Barcelona que o tiña en Sabadell.

Medre Barcelona atlántica! Haberá primavera!

Comentarios