MIT de Ribadavia

Baños de Cos gaña o ‘Abrente’ de Textos Teatrais con ‘Asfixia’

O xurado destaca que é unha peza con humor acedo e que “funciona como metáfora da presión vital”.

Resolución Premio Abrente

‘Asfixia’, de José Luis Baños de Cos, é o texto gañador da 14 edición do Premio Abrente de Textos Teatrais, convocado pola MIT Ribadavia. O xurado, presidido polo director do festival, Roberto Pascual e composto pola dramaturga e actriz Avelina Pérez, polo actor Roberto Leal e polo director Álex Sampayo, decidiron por unanimidade cocneder o premio a este texto.

O xurado destaca que o texto propón un interesante xogo teatral onde o aparentemente trivial e absurdo se vai transformando e crecendo eficazmente ata levar á persoa lectora a un tránsito por diferentes sensacións que tocan as convencións e o letargo rutineiro.

Agradece o xurado, igualmente, a ausencia dunha única mensaxe ideolóxica. “Amósase así unha peza que non é panfletaria e que permite a viaxe mental propia da persoa lectora sen que a voz autorial se poña nun nivel superior, coma se fose unha guía nunha única dirección”.

Atopa o xurado, por último, unha gama rica de posibilidades de posta en escena aberta, que estimula a un teatro actual e conectado co hoxe.

Comentarios