Imprimir

Seis ‘bandeiras negras’ para Galiza

Redacción | 30 de xuño de 2020

Ence en Pontevedra (arquivo).
Ence en Pontevedra (arquivo).

Por contaminación e mala xestión no litoral.

Desde hai 15 anos Ecoloxistas en Acción presenta anualmente un informe no que toma o pulso á saúde do ecosistema litoral do estado español e no que a través da concesión de ‘bandeiras negras’ e ‘puntos negros’ quer advertir sobre as zonas máis agredidas do litoral.

No seu informe de 2020, presentado esta terza feira, Ecoloxistas sitúa na Galiza seis desas ‘bandeiras negras’. Tres delas por mala xestión no litoral e outras tantas por mor da contaminación. Algunhas delas acompañan os informes e denuncias dos colectivos ambientalistas desde hai anos.

As ‘bandeiras negras’ por mala xestión corresponden á Praia das Delicias (Sada), Porto de Marín e á A Mariña. As ´bandeiras negras’ por contaminación son para a Praia de Lires (Cee) , a Factoría de ENCE (Pontevedra) e Alcoa, en San Cibrao.

Nunha rolda de prensa, o portavoz de Ecoloxistas en Acción, Cristóbal López explicou a situación na que se atopan estes puntos. A ampliación do dique do porto deportivo de Sada modificou as correntes na zona provocando unha acumulación de lodos, na Praia das Delicias. A Mariña, pola súa banda, é sinalada á súa vez pola "mala xestión" da presión urbanística que carrexa a masificación turística.

No caso do Porto de Marín, o criterio foi a sentenza do TSXG que legaliza os recheos "que anteriormente foran declarados ilegais en sentenza firme". Segundo Ecoloxistas en Acción "a administración pública manipula e engana, e todo isto con diñeiro público, para non asumir as ilegalidades cometidas".

"É unha broma, unha tomadura de pelo, unha carallada", engadiu, a coordinadora da Asociación Verdegaia, Sabela Iglesias, quen denunciou que "o poder económico, en total conivencia co poder político, utiliza ao poder xudicial para o seu interese".

O colectivo situou a Praia de Lires, no concello de Cee, como "exemplo do abandono da costa", polos seus "niveis elevados de contaminación" debido ás verteduras de augas residuais. En este mesmo sentido, a factoría de Alcoa tamén é sinalada por "contaminar a súa contorna" e porque "xoga coa necesidade de postos de traballo e a precariedade laboral para conseguir un maior trato de beneficio" mentres deixa o seu paso "miseria ambiental e destrución".

Finalmente, o presidente da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Antón Masa, foi o encargado de explicar os motivos que levan a outorgarlle un ano máis a bandeira negra á fábrica de ENCE en Pontevedra.

Segundo dixo Antón Masa, consideran merecedor da bandeira negra á papeleira "pola combustión de aceites usados na planta de biomasa de Ence", unha práctica que está absolutamente prohibida na Unión Europea polas consecuencias negativas na saúde humana e sobre o medio ambiente.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/bandeiras-negras-galiza/20200630130045100491.html


© 2020 Nós Diario