Tres bandas e tres solistas optan aos premios de Quero Cantar da Deputación da Coruña

As finalistas son bandas de Caión, Laxe e Ames e solistas de Sada, A Coruña e Vila de Cruces.

Xurado Quero Cantar
photo_camera Xurado do Quero Cantar 2019

Bandas de Caión, Laxe e Ames na categoría e infantil e solistas de Sada, A Coruña e Vila de Cruces no xuvenil son as finalistas da cuarta edición do certame de música infantil e xuvenil da Deputación da Coruña, Quero Cantar. A final terá lugar no Teatro Colón da Coruña o día 24 ás 17.30 horas nunha gala conducida por Sole Felloza na que Magín Blanco e a Banda das Apertas protagonizarán a actuación convidada.

As bandas infantís finalistas desta nova edición son: "A música das baleas", do CEIP de Caión, co tema "A peor xogada"; Rap-osiños, grupo da escola municipal de música de Laxe, coa canción "Panchita blues"  e  Baroubanda, alumnado de guitarra do CEIP A Barouta, en Ames.

Na categoría xuvenil elixíronse como finalistas tres solistas: Veiga, de Sada, coa canción "A ilusión dun porvir", na que o artista canta e toca a guitarra; Isma Kalo, nome artístico de xove coruñesa Laura Marín, co seu tema "A quen lle importa?", interpretado tamén con voz e guitarra e finalmente a pianista Noa, de Vila de Cruces, segunda clasificada na edición xuvenil do ano pasado, e que este ano volverá estar no teatro Colón co tema "As ondas do mar".

Os músicos Pablo Díaz, Paco Nogueiras e César Freira, a cantante Xoana e a mestra e tamén música Bárbara Mourelo,  compuxeron o xurado  presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto e coa xefa de servizo de Cultura da Deputación da Coruña, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, que escolleu as cinco bandas de cada categoría, infantil e xuvenil, que pasarán a formar parte do do disco Quero Cantar 19,  e, de entre esas cinco, as tres primeiras en cada categoría que o próximo 24 de novembro, a partir das 17.30, terán que defender en directo o seu tema ante o público do Tteatro Colón para decidir os premios da nova edición.

Os premios aos que aspiran estes seis finalistas son de 1.500 euros para a compra de material musical e mais a gravación dun videoclip para os primeiros clasificados de cada categoría; e 1.000 e 500 euros para compra de material, respectivamente os segundos e terceiros clasificados de cada categoría. 

O  CD recompilatorio do certame coas dez cancións finalistas distribuirase nos colexios públicos.

Comentarios