A banca prepárase para volver fechar

Santander e Sabadell preparan novas regulacións de emprego para adaptar os seus cadros de persoal á nova realidade, o que conlevará fechamento de oficinas e saídas de persoal.
Sabadell e Santander anticipan novos recortes de persoal no Estado español que afectarán ao seu negocio na Galiza (Foto: Xoán Roberes).
photo_camera Sabadell e Santander anticipan novos recortes de persoal no Estado español que afectarán ao seu negocio na Galiza (Foto: Xoán Roberes).

Banco Santander ten previsto revelar esta sexta feira as cifras do novo Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que pretende aplicar e sobre as que se baseará a súa negociación cos sindicatos.

A intención do banco é levar a cabo un plan de transformación e eficiencia para axustar a súa dimensión ás novas realidades. Esa transformación afectará ao seu cadro de persoal na Galiza, así como á rede comercial, aos servizos centrais e ao centro corporativo de Madrid, mais os sindicatos tratarán de que a incidencia na rede de oficinas sexa mínima, xa que defenden que as persoas que as visitan achegan case a metade da rendibilidade bruta do negocio directo coa clientela, e que, ao mesmo tempo, constitúen un importante foco de captación.

Esta nova reestruturación prodúcese tan só un ano despois de que a entidade presidida por Ana Patricia Botín culminase o anterior proceso de feche de oficinas, que borrou do mapa galego 130 sucursais e supuxo a desaparición de algo máis de 200 empregos.

A Covid-19 e o auxe da banca por internet fan que a xente pise menos as oficinas, de aí que a banca leve anos reducindo a súa rede comercial. En 2020, no conxunto do Estado español, as dez principais entidades fecharon 947 sucursais, deixando a rede total con 18.400 oficinas.

Da listaxe non escapa ningunha. Abanca sitúase á cabeza das entidades medianas en feche de oficinas. Nos seis primeiros meses do ano suprimiu 52 sucursais, en parte como resultado da integración de Banco Caixa Xeral, que rematou o pasado mes de marzo.

O novo baile de fusións, iniciado por Bankia e Caixabank, ao que se sumaron nas últimas semanas Unicaja e Liberbank co inicio das conversas formais, pode traducirse en máis feches e recortes de persoal na Galiza, á marxe das que decida cada entidade dentro da súa estratexia.

ERE no Sabadell

O Banco Sabadell, que de momento non entra no baile aínda que figura en moitas das quinielas, tamén está en proceso de adelgazamento. Segundo as últimas informacións, a entidade que preside Josep Oliu propón un máximo de 45 saídas na Galiza, dun cadro de persoal formado por 461 persoas repartidas en 105 oficinas, moitas delas herdeiras do Banco Gallego.

Na negociación cos sindicatos, a dirección aceptou prexubilacións a partir dos 56 anos, polo que esas baixas poderían ser cubertas por esta vía. Ssegundo os datos de CCOO, no país hai 60 profesionais que superan os 57 anos e 90 por riba dos 55 anos. 

O sindicato pediu para a xente que se acolla ás prexubilacións, 80% do salario anual asignado até a primeira idade de xubilación ordinaria ou aos 64 anos, sen tope máximo, e incluír o cobro do variábel do exercicio anterior, proposta esta última que foi aceptada pola dirección, que tamén accedeu a que formen parte do proceso voluntario as persoas en excedencia por coidados de descendentes ou familiares, así como ao mantemento das condicións financeiras do persoal que se acolla ao axuste como se estivesen en activo. 

As negociacións para fixar as condicións definitivas entre a dirección e os sindicatos aínda seguen en marcha.

Fusións sen repercusións

Caixabank foi unha das entidades que máis oficinas fechou na Galiza en 2019, un total de 35, con máis de medio cento de empregados afectados. A anunciada fusión con Bankia, que dará como resultado a primeira entidade do Estado español por volume de activos, reducirá aínda máis a competencia no mercado financeiro galego, mais en principio non suporía feche de oficinas no rural, aínda que si nas cidades.

CaixaBank ten na Galiza 740 empregados e 150 oficinas, namentres Bankia conta cun cadro de persoal de 120 persoas e cunha rede composta por 17 sucursais urbanas. Á vista destas cifras, os sindicatos consideran que a repercusión da fusión "será mínima" e as saídas "voluntarias". O mesmo acontece con Unicaja e Liberbank, con escasas duplicidades no país e sen oficinas no contorno rural.

Comentarios